Mosquera lamenta que a oposición "volva ás andadas" no seu rexeitamento aos lombos
Por Alejandro Espiño
Sorprendido. Así se mostrou César Mosquera polas críticas aos lombos que a Deputación de Pontevedra instalará nas inmediacións da cidade infantil Príncipe Felipe.
O vicepresidente provincial lembrou que o proxecto desta intervención, relacionada coa construción dunha nova rotonda que regule o acceso ás instalacións, "non é novo". Foi unha obra, dixo, "que se anunciou" e cuxos detalles eran coñecidos "por todos", ao estar exposta ao público.
Mosquera lamentou que en Pontevedra "volvamos ás andadas" con este asunto e acusou á oposición, especialmente ao Partido Popular, de querer reavivar esta polémica.
A Deputación, lembrou o seu vicepresidente, leva colocados " máis de 1.000 lombos" nas estradas de titularidade provincial ao longo deste mandato e en Pontevedra, dixo, é o "único lugar" onde se rexistran este tipo de protestas.
"Vamos a peor", afirmou o tamén edil de Infraestruturas, que lamentou que "parece que esa liña se reforza".
DURAS CRÍTICAS DO PSOE
Ás críticas pola instalación dos lombos nas inmediacións de Príncipe Felipe sumáronse este luns os socialistas de Pontevedra. O seu portavoz, Tino Fernández, asegurou que a súa colocación é "inadmisible e incomprensible" e afirmou que un goberno liderado polo PSdeG-PSOE retiraríaos "de inmediato".
Os socialistas reiteran que os lombos deben colocarse "alí onde sexa necesario", pero entenden que existen outras fórmulas para obrigar aos vehículos para reducir a velocidade. "A crenza de que só se reduce a velocidade instalando lombos é unha crenza falsa", dixo Fernández nun comunicado.
Situalos en vías de acceso aos centros hospitalarios é, segundo o portavoz do PSdeG-PSOE, unha "barbaridade" para os enfermos que deben acudir a Montecelo. Advertiu ademais que poden provocar "situacións perigosas" para os que sexan transportados en ambulancias, ao poder agudizarse a súa condición física.
Relacionadas:
-
Os populares solicitan a retirada dos lombos instalados no viario de acceso a Montecelo
Por Redacción |
-
Malestar no PP ante a instalación de lombos no acceso ao Hospital Montecelo
Por Redacción |
-
A Deputación destina un millón e medio de euros á construción dos novos lombos e redutores de velocidade
Por Redacción |