Difusión Felina pecha a entrada de novos gatos
Por Oskar Viéitez
A protectora de gatos Difusión Felina de Pontevedra anunciou este martes que pecha temporalmente a entrada de novos animais. A decisión é temporal, segundo informou a organización, "ata que consigamos reducir o número de gatos en adopción que temos neste momento".
Por terceira ocasión no que vai de ano se ven na obriga de tomar esta decisión.
O número de gatos en acollida, a día de hoxe, supera os 60.
"Os recursos son limitados, os voluntarios máis aínda, as acollidas as de sempre e as adopcións escasas. Non pode ser que por dúas adopcións este mes, recollamos 23 gatos como pasou nas dúas últimas semanas", explicaron os responsables desta asociación.
Desde Difusión Felina lamentan que "nesta cidade sae moi barato abandonar" e critican que a implicación por parte das autoridades en materia de protección animal "é nula".
Por este motivo advirten de que "mentres isto siga así, seguiremos vivindo con casos diarios de gatos abandonados en bolsas, en contedores e no medio do monte".
No que vai de ano 2018 recolleron 138 gatos, unha cifra á que hai que sumar os 39 animais que tiñan ao seu cargo de anos anteriores. Isto evidencia, ao seu xuízo, "que na cidade de Pontevedra si que hai un problema moi grande co abandono de gatos".
Relacionadas:
-
Difusión Felina recolleu 221 gatos abandonados na rúa durante 2018
Por Redacción |
-
Difusión Felina denuncia a execución a balazos de gatos en Salcedo
Por Redacción |
-
Difusión Felina ameaza con disolver a súa asociación se non aumenta a colaboración do Concello
Por Redacción |
-
Lanzan catro gatiños polo portelo dun coche en Lourido
Por Oskar Viéitez |
-
Difusión Felina, obrigada a frear a recollida de gatos abandonados en Pontevedra ante a falta de casas de acollida
Por Redacción |