Implantan no Hospital Provincial un sistema informático para evitar agresións
Por Redacción
O Servizo Galego de Saúde impartiu este martes a formación específica aos profesionais dos servizos de Urxencias, Psiquiatría, Neuroloxía e cita previa do Hospital Provincial sobre a plataforma informática ACODE, unha ferramenta que se instalará nos equipos informáticos do centro hospitalario para dar soporte á prevención e resposta temperá ante a violencia laboral externa sobre os profesionais sanitarios.
Segundo explica o Sergas, esta plataforma de alerta en situacións de risco inclúe funcionalidades que permiten controlar con rapidez calquera situación de violencia, perigo ou urxencia, e minimizar as súas consecuencias.
O obxectivo deste sistema é garantir a continuidade da actividade dos profesionais sanitarios, fomentando unha cultura de seguridade e prevención e contribuíndo a conseguir unha contorna laboral libre de violencia.