Montecelo estreará un segundo equipo de resonancia magnética a principios de 2019
Por Redacción
O Servizo Galego de Saúde instalará en outubro un segundo equipo de resonancia magnética no hospital Montecelo. A xerencia do hospital agarda que estea operativo a principios de 2019, segundo avanza a administración sanitaria.
O novo equipo posúe, destacan desde o Sergas, os máis avanzados sistemas de imaxe para a realización daqueles estudos máis complexos e un importante número de sistemas pensados para outorgar un maior confort ao paciente
Unha das características máis vantaxosas da nova resonancia magnética é a tecnoloxía de antenas dixitais, que proporcionará unha mellor calidade de imaxe, diagnósticos máis precisos e estudos máis rápidos.
O novo equipo de radiodiagnóstico tamén está dotado dun imán de última xeración máis curto para reducir a sensación de claustrofobia e mellorar o confort do paciente.
Ademais, posúe un avanzado sistema de redución de ruído acústico, un sistema de guiado ao paciente por voz a través do que o equipo guiará ao usuario para indicar as fases do estudo ou cando manter a respiración.
Esta resonancia dispón ademais de ferramentas avanzadas de software que permiten reducir os problemas producidos polos movementos do paciente, evitando así a repetición de probas.
Unha vez rematada a instalación do novo equipo e a proba de aplicacións, se procederá a executar a segunda fase de remodelación de espazos en Montecelo, na que está contemplado o acondicionamento da sala de informes, así como a completa renovación da sala da actual resonancia magnética.
A obra para a instalación da nova unidade supón un investimento de 455.299 euros, aos que se suman os gastos en honorarios profesionais por redacción de proxecto e dirección de obra, máis de 35.000 euros. Así mesmo, o investimento no novo equipo de resonancia magnética é superior a 900.000 euros.
Relacionadas:
-
Montecelo contará con dúas resonancias magnéticas operativas a partir de xaneiro de 2019
Por Anxo Lourido |
-
Chega a nova resonancia magnética do Hospital Montecelo
Por Redacción |
-
CIG-Saúde denuncia un uso "inadecuado" da unidade de espertar en Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
Implantan no Hospital Provincial un sistema informático para evitar agresións
Por Redacción |