Moraña agarda ter lista en abril a reconversión do mercado nun centro sociocultural
Por Redacción
Abril. É o prazo que se marca o Concello de Moraña para ter rematadas as obras de rehabilitación do antigo mercado municipal, emprazado en Santa Lucía, e a súa reconversión nun moderno centro sociocultural e multiusos. A actuación custará 889.000 euros.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, e os representantes das dúas firmas adxudicatarias visitaron o inmoble para coordinar todos os detalles da rehabilitación.
Esta xuntanza serviu para definir moitos detalles e para fixar o inicio das obras físicas para a vindeira semana, estimándose a súa conclusión para o mes de abril, xa que o prazo de execución suma sete meses, cinco correspondentes ás obras de restauración e dous máis para os servizos de climatización electricidade e iluminación.
Ademais, abordouse a coordinación da obra e tamén cuestións como o valado da zona de obras, o que podería causar algunha pequena restrición de aparcamento na contorna durante a vindeira semana.
Esta obra contempla a restauración integral do inmoble respectando e mantendo a súa fachada tradicional cara a carballeira e habilitando a súa ampla superficie para atender toda a demanda veciñal.
Deste xeito, dotarase ao antigo mercado municipal dun amplo auditorio, dúas aulas formativas, un patio cuberto para actividades de lecer, unha zona polivalente orientada especialmente á terceira idade e estancias para servizos, como aseos, despachos, zona de control ou cafetería, entre outros.
Esta obra está incluída na liña de subvencións para investimentos en dotacións singulares na mellora do equilibrio territorial impulsada pola Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
A restauración do antigo mercado de Moraña rematará na primavera
Por Redacción |
-
Medio Ambiente colaborará na humanización do centro urbano de Santa Lucía
Por Redacción |
-
O antigo mercado municipal de Moraña será reconvertido nun centro sociocultural
Por Redacción |
-
A rehabilitación ao antigo mercado de Moraña, en marcha
Por Redacción |