A subida na tarifa eléctrica obriga o Concello a incrementar en 30.000 euros o seu orzamento para os colexios
Por Diego Espiño
A importante subida no prezo da electricidade experimentada durante os últimos meses non só afecta directamente as contas domésticas de todas as familias pontevedresas, senón tamén ao Concello, que se viu obrigado a incrementar substancialmente o orzamento destinado a pagar a factura eléctrica dos centros educativos do municipio.
Así o desvelou o portavoz municipal, Raimundo González, tras a reunión semanal da Xunta de Goberno Local.
"A electricidade subiu case un 35% o último ano", argumentou o edil, o que obriga a "incrementar un 10% a partida para pagar a electricidade nas escolas", sinalou.
Este incremento será de 30.000 euros, nun partida que se incluirá dentro dunha modificación de crédito de case 570.000 euros e que o goberno local pretende levar á comisión de economía este mesmo martes para discutir a súa aprobación.
Trátase dunha modificación destinada a afrontar "gastos necesarios para o bo funcionamento dos servizos", argumentou González.
Entre estes gastos as maiores partidas irán destinadas ao Servizo Municipal de Deportes debido ao "desborde nos eventos deportivos" deste ano. Así o servizo recibirá unha partida de 65.000 euros para encarar o final de ano e os eventos aínda por celebrar, ao que se suma un convenio pendente coa Real Federación Española de Balonmán por valor de 50.000 euros.
Obras de mantemento no Recinto Feiral, tarefas de fontanería en algún centro escolar, compra de combustible ou traballos pendentes en dependencias municipais son outras das partidas que o goberno local quere cubrir mediante a modificación de crédito.