O novo edificio xudicial de Pontevedra, en abril de 2019
Resoltos os problemas que provocaron atrasos na construción do novo edificio xudicial de Pontevedra, as obras parecen adquirir velocidade de cruceiro. Así, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou que será unha realidade en abril de 2019. É o compromiso que adquiriu na visita que realizou este luns ás obras.
"Ninguén vai a fallar a Pontevedra", asegurou Núñez Feijóo, que destacou que os 21 millóns de euros que custa este edificio permitirá que a administración xudicial na cidade teña cubertas as súas necesidades de espazo para as próximas décadas.
Os novos xulgados da Parda contarán cunha superficie de 21.000 metros cadrados e terán capacidade para 28 unidades xudiciais. Estarán, ademais, conectados ao actual edificio a través dunha pasarela acristalada que terá unha lonxitude de 40 metros.
Será, segundo destacou o presidente galego, un edificio "arquitectonicamente lixeiro e con espazos diáfanos", que contará con 18 salas de vistas con luz natural e boa acústica, cunha gran sala para celebración de vodas e con xardíns tanto no interior como no exterior, onde haberá tres novas prazas públicas.
A Xunta pretende, con este inmoble, solucionar os problemas de "hacinamiento" que, recoñeceu o presidente galego, sofren os xulgados pontevedreses e dotar á cidade dun espazo xudicial "digno, moderno e funcional" do que, dixo, "sentirnos orgullosos".
Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo explicou que esta obra forma parte do plan de infraestruturas xudiciais que, cun investimento de 100 millóns de euros, permitiu renovar, ampliar ou crear novos xulgados en Santiago, Ourense, Ferrol, A Coruña e Vigo.
Núñez Feijóo, que agradeceu a colaboración do Concello porque "cada vez" que o goberno galego pediulles un solar adecuado "sempre cooperan", destacou que o edificio xudicial forma parte de actuacións terminadas ou en marcha en Pontevedra por valor de máis de 200 millóns de euros.
Así, destacou o proxecto do Gran Montecelo, a rehabilitación do edificio que a Xunta ten en Benito Corbal, a creación de estación intermodal, a mellora integral da ponte da barca, o plan de saneamento da ría ou tres actuacións futuras como a variante de Alba, o pavillón de ximnasia na Parda ou a residencia de maiores no Hospital Provincial.
LORES VE A LUZ "AO FINAL DO TÚNEL"
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que este novo edificio xudicial é "necesario" para a cidade e que, coa súa construción, "estamos vendo a luz ao final do túnel" para poder "resolver" a demanda de espazos para a xustiza "por moitos anos" na capital da provincia.
Fernández Lores mostrouse convencido de que este inmoble será un edificio "emblemático" en Pontevedra e celebrou que o proxecto conta con detalles "moi coidados" para que a administración xudicial conte con "todas as comodidades" para desenvolver o seu traballo e atender aos cidadáns en óptimas condicións.
Pola súa banda, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadeas, destacou a "transformación" que experimentará a xustiza en Pontevedra, xa que asegurou que para que exista un poder xudicial "independiente y efectivo" tamén é necesario que haxa "infraestructuras precisas".
O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, engadiu que o novo edificio xudicial permitirá unha mellora "substancial" do servizo aos cidadáns e das condicións de traballo dos profesionais. Resolverase así, dixo, as "graves carencias" de espazo que hai nos xulgados de Pontevedra e será a "imaxe da xustiza do futuro".
Relacionadas:
-
O novo edificio xudicial da Parda inaugurarase o próximo 3 de setembro
Por Natalia Puga |
-
A Xunta agarda que en setembro remate o traslado de oficinas ao novo edificio xudicial da Parda
Por Redacción |
-
Os xulgados da Parda contarán cunha sala de agarda para vítimas de violencia de xénero
Por Redacción |
-
Máis dun cento de persoas traballarán no novo edificio xudicial de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Feijóo revela a Lores que a Xunta negocia a reapertura do antigo asilo como residencia de maiores
Por Redacción |
-
O Gran Montecelo 'absorbe' a metade do investimento da Xunta en Pontevedra en 2019
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta agarda o remate das obras do novo edificio xudicial no primeiro semestre de 2019
Por Redacción |
-
Fiscais e xuíces concéntranse na Parda para reivindicar melloras na xustiza
-
Desestiman a petición de Construcuatro de máis dun millón de euros por ceder solo para os xulgados
Por Oskar Viéitez |