A espera (por fin) terminou. Telecinco estrea a serie Vivir sin permiso, gravada nas Rías Baixas. Farao este luns 24 de setembro, ás 22.45 horas. Protagonizada, entre outros, por José Coronado e Álex González, actores que xa traballaron xuntos en El Príncipe, está chamada a ser un dos grandes éxitos da tempada televisiva.
Os espectadores verán a un José Coronado convertido no empresario Nemo Bandeira, o auténtico dono e señor da comarca ficticia de Oeste, as nosas Rías Baixas.
Sobre Nemo Bandeira vira a historia de Vivir sin permiso. É un home que se enriqueceu no pasado con actividades ilegais pero que, co paso do tempo, conseguiu branquear a súa traxectoria ata erixirse nun dos empresarios máis influentes de Galicia, a través da súa importantísima compañía conserveira.
Cando a Nemo, ao cumprir os 60 anos, diagnostícanlle alzhéimer, tratará de ocultar a súa enfermidade para non mostrarse vulnerable ante os seus inimigos. Ao mesmo tempo, pon en marcha o proceso para elixir o seu sucesor, o que provoca unha hecatombe na familia.
Os seus dous fillos lexítimos, que nunca tiveron interese algún polos negocios, de súpeto tentan demostrar que cada cal é o candidato máis adecuado. O seu afillado, o brillante e implacable avogado Mario Mendoza, ao que dá vida o actor Álex González, é obxectivamente o máis preparado, aínda que carece de algo vital: levar a mesma sangue que o seu padriño.
Ao saber que Nemo non lle contempla como herdeiro do imperio, Mario poñerá en marcha o seu propio plan sen abandonar o seu encantador sorriso, o que o converterá no máis perigoso e desapiadado dos seus inimigos.
Os trece episodios da súa primeira tempada -ao longo deste verán estívose gravando xa a segunda- teñen o seu epicentro no Pazo da Toxeiriña (Moraña), que se reconverteu na casa familiar dos Bandeira. Pero, ademais, Pontevedra, Vilagarcía ou A Illa de Arousa son, entre outras, tres dos principais escenarios da serie.
PontevedraViva, un dos medios convidados no seu día á rodaxe da serie, puido comprobar que a serie, aínda que toca tanxencialmente o tema do narcotráfico, non o converte no protagonista da súa acción. É, segundo reitera o seu creador Aitor Gabilondo, unha gran saga familiar que non deixará indiferente a ninguén.
As entrevistas concedidas polos protagonistas da serie -José Coronado, Álex González, Pilar Castro, Álex Monner, Claudia Traisac e Giulia Charm- formaron parte dun programa especial que Conversas Na Ferrería de PontevedraViva Radio emitiu en novembro de 2017. Unhas charlas imprescindibles para saber que nos vai a deparar Vivir sin permiso.