Protección Civil está de estrea no seu 20 aniversario: recibe unha nova Unidade Acuática
Por Diego Torrado
A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Pontevedra está de aniversario e, de paso, de estrea. Este sábado festexou o seu 20 aniversario con autoridades políticas e policiais do concello e, para completar a celebración, recibiu un reforzo á súa dotación de medios materiais, unha nova Unidade Acuática.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi o encargado de facer a entrega de parte do Concello de Pontevedra. Trátase dunha embarcación neumática de 5,5 metros de eslora que se convertiu na segunda destas características do parque móbil da agrupación e lles permitirá contar cos recursos suficientes para realizar intervencións de salvamento e prevención no río Lérez.
A entrega realizouse no trascurso dun acto no que Protección Civil, da man do seu presidente, Hermenegildo Novoa, quixo aproveitar para agradecer a estreita colaboración que veñen mantendo nos últimos 20 anos con distintas institucións pontevedresas.
A agrupación de voluntarios entregou recoñecementos aos responsables das policías Local e Nacional, da Garda Civil e do Corpo de Bombeiros pola colaboración coa agrupación durante as súas dúas décadas de historia.
Hermenegildo Novoa también fixo un recoñecemento público do medio cento de voluntarios que integran a Protección Civil na actualidade ao Concello pola colaboración que lle prestou durante todos estes anos, ao igual que aos traballadores municipais responsables do parque Móbil e o encargado do grupo de electricistas municipais.
Ao acto acudiron responsables dos distintos organismos homenaxeados, así como representantes da Deputación Provincial e a Subdelegación do Goberno en Pontevedra e concelleiros dos tres grupos políticos municipais. Todos percorreron a exposición organizada por Protección Civil con motivo do seu aniversario, e que inclúe material, medios, maquinaria e tamén unha mostra fotográfica de momentos da agrupación durante estes vinte anos de existencia.