Profesionais do CHOP esixen a reapertura de camas pechadas en verán
Por Redacción
Un nutrido grupo de profesionais de diferentes servizos do Complexo Hospitalario de Pontevedra concentráronse este mércores ante as portas do hospital de Montecelo para esixir á xerencia a reapertura dunha serie de camas pechadas no verán.
Caroliña Irrañea, a persoa que leu o manifesto dos traballadores, denunciou que segundo os plans do Sergas, a día de hoxe tería que estar aberta "na súa totalidade" unha unidade de Traumatoloxía e, a principios de outubro, Pneumoloxía e Medicina Interna III, pero ata agora "non comunicaron cando se reabrirán" e se retomará a súa normal actividade asistencial.
Esixen que se reabran xa para "dar unha solución" ás patoloxías dos pacientes que están en lista de espera e, a demanda asistencial requírao "que é o que eles din".
Montecelo ten pechadas, denuncian os traballadores, 33 camas en Medicina Interna III, 14 camas en Traumatología, 10 camas en Pneumoloxía e 9 camas en lactantes.
O Sergas, explicou Irrañea, aproveitará para que o persoal destas unidades cubra substitucións noutros servizos, diminuíndo así a contratación de persoal eventual, aínda que "non sabemos onde van traballar nin en que condicións" nin tampouco que pasará cos pacientes que engrosan as listas de espera.
"As camas da sanidade pública parecen que sobran pero as da sanidade privada son imprescindibles en calquera época do ano", lamentan os traballadores do CHOP.
A representante sindical sospeita que o Sergas reabrirá estas camas cando a demanda estea "desbordada", polo que solicitou que a dirección do centro "nos deixen dar unha calidade asistencial digna" aos pacientes e que os traballadores non estean nunha "situación de tensión constante" ao non saber "que pasará con nós mañá".
Desde o Sergas aseguran que o plan de adecuación de hospitalización no período estival conta cunha situación de "continxencia" para, en caso de necesidade, as camas pechadas pola diminución da demanda estean operativas "en pouco tempo".
Lamentan que "certos axentes políticos e sociais" pretendan trasladar que o hospital está paralizado no verán, pero "non deixan de estar a funcionar". Así, en xullo e agosto realizáronse 4.291 ingresos hospitalarios, 2.555 intervencións cirúrxicas, 69.707 consultas e 64.737 urxencias atendidas.
"Todo paciente que o precisa é atendido", reiteran desde a administración sanitaria, que trasladan á poboación que os pacientes serán atendidos "no momento que o requiran".
A necesidade de camas, engaden, "monitórase diariamente" polo que todas elas estarán dispoñibles no momento que se necesiten.
Relacionadas:
-
CIG-Saúde denuncia un uso "inadecuado" da unidade de espertar en Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- "Os hospitais non se paralizan no verán. Traballamos co persoal que dispoñemos e priorizamos intervencións"
Por Marisa Ciordia |
-
Críticas ao Sergas por pechar en verán unhas oitenta camas en Montecelo e o Provincial
Por Alejandro Espiño |