CIG-Saúde denuncia un uso "inadecuado" da unidade de espertar en Montecelo
Por Oskar Viéitez
CIG-Saúde denuncia un uso "inadecuado" da unidade de espertar no Hospital Montecelo, que está deseñada para os pacientes poscirúrxicos antes de estar en condicións de ser trasladados as habitacións de ingreso.
Segundo sinala esta central sindical, esta unidade non conta con aseos e o aceso é restrinxido polo que carece de servizos básicos e non poden estar en contacto cos familiares.
Esta práctica "ven sendo moi habitual ultimamente", di a CIG, que sinala que en Montecelo hai camas en desuso ou pechadas "onde perfectamente se podería ingresar a estes pacientes".
Ademais CIG-Saúde di que "podemos atoparnos con problemas de espazo por intervencións urxentes e ter que desprazar pacientes operados a outras dependencias que non reúnen os requisitos básicos para este tipo de pacientes, ou ben facer traslados innecesarios en plena noite, co prexuízo que ocasiona tanto aos doentes coma a traballadores" dos que engaden que están "sometidos a unha tensión innecesaria e sen reforzar a todo o cadro de persoal".
Para CIG-Saúde "o máis lóxico" sería que estes pacientes entraran vía programación con ingreso, "a non ser que ter as camas pechadas sexa unha estratexia maquiavélica para poder desviar pacientes á privada".