A futura estación termal de Ponte Caldelas terá tres piscinas, dúas delas ao aire libre
Por Redacción
Ponte Caldelas deu a coñecer este venres o aspecto que terá a futura estación termal do municipio, que ocupará os terreos do antigo balneario, que sairá a concurso en réxime de concesión.
Una vez adquirida a parcela á Sociedade de Reestruturación dos Activos Bancarios (Sareb) o pasado mes de xuño, o goberno local encargou a redacción dos documentos que servirán de base para o concurso, deixando abertas posibles melloras polas empresas interesadas, sempre que encaixen na edificabilidade existente.
A filosofía que se persegue é a dunha estación termal sostible e sen ningún parecido co quebrado macroproxecto impulsado polo anterior equipo de goberno que, ademais de quedar parado con só unha pequena parte da estrutura executada, significou a demolición do histórico balneario caldelán.
O anteproxecto, cun orzamento total de 1.867.741 euros, contempla tres piscinas de augas termais, dúas ao aire libre e unha terceira baixo un edificio de só dous andares, encaixado na pendente do terreo e cunha fachada completamente recuberta de cristal para acentuar a sensación de transparencia na contorna fluvial.
O anteproxecto arquitectónico deseña un inmoble cunha superficie construída de algo máis de 1.200 metros cadrados. No baixo sitúase a piscina cuberta cuns 200 metros cadrados e tres cabinas de masaxes e tratamentos.
As outras dúas pozas, cunha lámina de auga doutros 300 metros, están ao aire libre nunha superficie herbácea e comunicada por camiños de terra. No andar alto estarán a recepción e un local de restauración.
Tamén queda contemplada a urbanización da finca, na que se inclúe unha escaleira de acceso ao nivel das piscinas (ademais dun ascensor no interior do inmoble) e unha rampla para uso peonil e de vehículos de emerxencias e de servizos que remata con catro prazas de aparcamento restrinxidas. O resto do terreo será tratado con herba.
O estudo de viabilidade económico-financeira estima que a instalación arrancará con 25.000 visitantes o primeiro ano e alcanzará os 50.000 ao quinto.
As previsións económicas prevén un balance positivo dende o primeiro momento, que supera os 100.000 euros a partir do cuarto exercicio. Ademais estímase a contratación de cinco traballadores, ademais dunha empresa de limpeza.
O Concello está traballando paralelamente na redacción dos pregos do concurso no que se esixirá un aforo mínimo de 200 persoas e un prezo máximo das entradas de 6 euros, con descontos para nenos e xubilados.
A concesión resultante será por un período de trinta anos, prorrogables por outros dez. Tamén quedarán determinadas as condicións da explotación, incluíndo unha cláusula de rescate para o caso de que a instalación permaneza pechada durante seis meses.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas modificará o proxecto da estación termal para ter o visto bo de Augas de Galicia
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Ponte Caldelas presenta alegacións ao anteproxecto da Estación Termal
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas recupera o hotel da Reigosa
Por Redacción |
-
O expediente para a concesión da construción e explotación do balneario xa está a exposición pública
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas xa ten a chave da capela do balneario co obxectivo de recuperala
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas expón a documentación do futuro balneario
Por Redacción |
-
Avecil agarda polo asfaltado integral da pista principal
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas estima que o seu renovado balneario atraerá a 50.000 persoas cada ano
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas inspírase nas termas de Outariz para explotar o antigo balneario
Por Redacción |