A precariedade laboral nas empresas de elaborados e produtos do mar abre a porta a unha folga no sector
Por Anxo Lourido
As empresas que se encargan de produtos elaborados do mar constitúen un dos sectores máis importantes economicamente da provincia.
Algunhas das empresas máis importantes do porto de Marín encárganse desta actividade, segundo manifestaba Xabier Aboi, de CIG, que ofrecía unha rolda de prensa con Víctor Ledo, de CC.OO, e Lourdes Diz, de UXT- FICA, na que os tres representantes sindicais manifestaban a súa preocupación pola ruptura das negociacións do convenio estatal deste sector.
Sinalan que os traballadores, na maioría dos casos mulleres, se atopan con soldos por baixo dos mil euros mensuais e a última oferta da patronal nas negociacións que se desenvolvían en Madrid o 24 de setembro supoñían un incremento salarial do 5,5% para 2018, 1,75% para 2019 e de 1,75% para 2020 sen cláusula de revisión salarial, unhas cifras inferiores ás que a propia patronal ofrecía antes do verán, segundo os sindicatos.
Ante esta situación, este 4 de outubro, o persoal deste sector está convocado a concentrarse ante a Feira internacional Conxemar en Vigo, ás 10.00 horas. Será o paso previo a unha folga prevista para finais do mes de outubro no caso de que non haxa un cambio na proposta da parte empresarial.
Ademais dun incremento nos salarios, as traballadoras afirman que necesitan recuperar dereitos laborais, cun límite no traballo temporal e un control do uso de empresas multiservicios ou falsas cooperativas para desenvolver os traballos. Aboi indicaba, neste sentido, que existen empresas na provincia nas que figuran tres veces máis persoal de ETT (empresas temporais) que contratado pola empresa principal.
Ademais, as condicións das traballadoras son duras ao ter que realizar as súas actividades en ambientes moi húmidos e fríos, cun alto ritmo de produción que, segundo Lourdes Diz, resulta "esclavista". Tamén reclaman descansos como o tempo para bocadillo e mellores das condicións para que se poida aplicar a conciliación familiar, como explicaba a traballadora Belén Coello durante a rolda de prensa.
Dos 9.500 empregados neste sector, máis do 75% traballan en Galicia e o 90% son mulleres. Segundo os representantes sindicais, o de elaborados e produtos do mar é un sector punteiro na provincia que se dedica ao mercado de exportación.
Relacionadas:
-
Adían as xornadas de folga nas empresas de elaborados do mar ao retomarse as negociacións
Por Redacción |
-
O sector de elaborados do mar anuncia unha folga para partir do luns 22 de outubro
Por Oskar Viéitez |
-
A CIG presiona na rúa o goberno socialista para que derrogue a reforma laboral e mellore as pensións
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Estudan mobilizacións para lograr un convenio xusto no sector de elaborados de produtos de mar
Por Redacción |