A reforma da rúa Progreso será por fases para reducir as molestias
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo anunciou este luns que as obras de reforma integral da rúa Progreso, un proxecto no que se investirán 2,5 millóns de euros, executarase en tres fases para reducir as molestias a comerciantes e veciños.
Ata que non se termine a que está en obras, garantiu o goberno municipal, non se iniciarán os traballos na seguinte. En total, a reforma está prevista realizarse en doce meses, pero o Concello confía reducir os prazos a nove meses.
Na primeira fase reformaranse os 470 metros comprendidos entre a rotonda de Arnelas e o cruzamento coa EP-9205, a estrada de Fontoira. Mentres se corta este tramo ao tráfico haberá dous itinerarios alternativos a cada lado da rúa Progreso.
A segunda fase, pola súa banda, actuará sobre os 260 metros desde onde conclúe a primeira ata o cruzamento coa estrada EP-9203, a rúa Sanxenxo, e a rúa Consistorio. Nesta fase vaise traballar a media calzada e, por tanto, mentres duren as obras sempre haberá un dos dous carrís abertos e unha alternativa para o carril cortado.
A obra concluirá coa reforma dos 550 metros que van desde onde acaba a segunda fase ata a confluencia da rúa Progreso coa avenida de Madrid. Haberá dúas alternativas de tráfico, unha por encima da rúa Progreso e outra pola avenida de Madrid e o paseo de Silgar
O proxecto contempla dúas glorietas ou rotondas que permitirán axilizar o tráfico e mellorar a seguridade viaria. A primeira rotonda ten un diámetro de 27 metros e construirase ao comezo da rúa, na confluencia coa avenida de Madrid; mentres que a segunda, cun diámetro de 28 metros, estará no cruzamento con Castelao e a estrada de Nantes.
Outra das melloras será a ampliación das beirarrúas que, como mínimo, pasará a ter un ancho de 1,8 metros. Colocaranse lousas e bordos de granito como a avenida de Madrid. Ademais, haberá zonas axardinadas e espazos mellor ordenados.
Como todo proxecto de humanización, as obras reducirán as prazas de aparcadoiro onde non hai beirarrúa suficiente. En calquera caso, aclaran desde o Concello, contémplanse 76 prazas de aparcadoiro, catro zonas de carga e descarga e tres zonas de aparcadoiros de autobús.
A obra complétase coa colocación de novo mobiliario urbano, a substitución da rede de saneamento e a creación dunha rede separada de pluviais que evitará os problemas de inundación e saturación da vella rede, soterrando ademais parte da rede eléctrica e telefonía.
Relacionadas:
-
COVSA garante que non será necesario cortar os dous carrís na rúa Progreso
Por Redacción |
-
A reforma da rúa Progreso interesa a catorce empresas
Por Redacción |
-
Os comerciantes están preocupados pola desaparición de prazas de aparcadoiro na rúa Progreso
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo quere que a rúa Progreso estea reformada antes do próximo verán
Por Redacción |
-
Feijóo afirma que a humanización da Rúa Progreso contribuirá a consolidar o atractivo turístico de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma da rúa Progreso, acordada entre Concello e Xunta
Por Redacción |