A reforma do cruce da N-550 coa Rúa Areal en Barro, pendente de licitación
Por Redacción
O cruzamento da Rúa Areal coa Nacional 550 no núcleo de San Antoniño, no municipio de Barro, é un dos puntos máis conflitivos deste viario, e o alcalde Xosé Manuel Abraldes trasladaba a súa preocupación este luns ao xefe da Unidade de Estradas do Estado en Pontevedra, Pablo Domínguez. O responsable de estradas afirmou ante esta petición que xa está aprobado o proxecto de reforma, pendente da súa licitación.
O rexedor reiterou tamén a demanda de que se faga unha rotonda no cruzamento coa estrada provincial Portela-Curro, que soporta un tráfico moi intenso, cunha importante presenza de vehículos pesados.
O goberno local reclama unha rotonda para darlle seguridade aos vehículos que se incorporan desde a estrada provincial á N-550, en dirección ao núcleo de San Antoniño. Desde Barro sinalan que queren retardar a velocidade dos numerosos vehículos que chegan a este núcleo do municipio procedentes de Pontevedra.
Outras demandas presentadas polo alcalde ante o xefe de estradas centrábanse nos cruces de Porráns e de Cangrallo.