Os propietarios de vivendas turísticas destacan o importante número de reservas para o Pilar e a ponte de novembro
Por Oskar Viéitez
O mes de setembro pechouse cun 71% de ocupación, segundo informou a Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Aviturga, que cualifica a tempada estival como "excelente". Esta asociación tamén destacou o importante número de reservas para o fin de semana festivo do Pilar e para a ponte de Novembro.
Aviturga indicou que cada ano increméntase o número de reservas e duración de estancia durante o mes de setembro, a pesar de que neste mes unha boa parte das vivendas non se poñen en aluguer.
Segundo os datos ofrecidos por Aviturga cada vez son máis as persoas que viaxan a Galicia durante este mes. Incrementouse o número de días de estancia pasando de 5 días a 8 días durante a primeira quincena de setembro. A segunda quincena o número de estancias foi de dous-tres días con importante demanda para os fins de semana.
Ademais da climatoloxía bonancible, setembro tivo grandes atractivos como a Feira Franca ou a concentración de motos de Sanxenxo, que incidiron positivamente nestes datos de ocupación. Un efecto similar está a ter nas reservas a próxima edición da Festa do Marisco do Grove.