Sanxenxo acondicionará o miradoiro de Palacios-Carabuxeira
Por Oskar Viéitez
O Concello de Sanxenxo acondicionará o miradoiro de Palacios-Carabuxeira. Trátase dunha área de descanso e de contemplación da contorna, sendo un elemento de atractivo turístico do Concello, ao que se achegan numerosas persoas durante todo o ano.
Detectáronse varios danos nel que ofrecen unha mala imaxe ás persoas que accedan ao mesmo e necesita unha reparación urxente. Estas necesidades serviron de base para a solicitude dunha axuda concedida dentro dunha liña de subvencións para a mellora das infraestruturas turísticas da Axencia de Turismo de Galicia.
O orzamento da actuación ascende a 20.800 euros.
PARQUE DA PANADEIRA
Esta semana adxudicáronse as obras da remodelación completa do Parque da Panadeira e toda a súa contorna.
As obras iniciaranse nas próximas semanas. O goberno local obtivo unha subvención da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, por importe de 366.268 euros, que xunto cunha achega de 91.568 euros de fondos municipais, permitirá acometer unha profunda reforma do parque da Panadeira, por un importe total de 457.836 euros. O proxecto ten un prazo de execución de 6 meses.
O proxecto contempla a ampliación do parque de maneira que o espazo que agora ocupan os coches aparcados (4) incorpórase como espazo peonil, quedando o viario de acceso para a depuradora e para as máquinas que limpan as praias que hai a cada lado do parque.
A mellora inclúe a creación dunha zona polideportiva de 240 metros cadrados, dotada co equipamento propio dunha pista de baloncesto, balonmán e futbol sala. O proxecto tamén prevé a ampliación da zona de xogos infantís coa incorporación de elementos novos.
Tamén se instalará unha pérgola para protexer do sol e doutras inclemencias, dotarase ao parque de novo mobiliario e levará a cabo unha completa remodelación das zonas axardinadas e tamén a substitución do pavimento con dous acabados, lousa de formigón e zonas con formigón impreso.
CENTRO DE DÍA
Despois da licitación e adxudicación da segunda fase das obras de mellora do centro de día municipal de Sanxenxo, os traballos, valorados en 61.710 euros, comezaron esta semana.
En canto á fachada, vai substituír o actual peche de plaqueta de lousa por unha fachada ventilada con paneis de aluminio. Isto faise para lograr un maior illamento ao frío e á calor e para liquidar o problema de filtracións de auga.