PSOE e BNG reivindican en Pontevedra o compromiso político de Castelao e Alexandre Bóveda
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, do mesmo xeito que outros representantes do Partido Socialista como a deputada Digna Rivas ou o parlamentario Guillermo Meijón coincidiron con destacados integrantes do Bloque Nacionalista Galego como o deputado autonómico Luís Bará; os deputados provinciais Eva Vilaverde e Xosé Leal e os concelleiros en Pontevedra, Carme da Silva, Carmen Fouces, Demetrio Gómez ou Anabel Gulías, no acto que o ilustrador Kiko da Silva levou a cabo no Museo de Pontevedra en homenaxe a dúas figuras históricas do movemento galeguista, Alexandre Bóveda e Alfonso Rodríguez Castelao.
O acto era unha resposta ás palabras que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, utilizou na desembalaxe do cadro 'A derradeira leición do mestre', de Castelao que procedía de Buenos Aires para formar parte dunha exposición no Gaiás. A falta de referencias a Alexandre Bóveda, a quen Castelao homenaxea neste óleo, durante o discurso realizado o mércores polo presidente autonómico provocou a indignación das forzas políticas da oposición.
Desta forma, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostraba o seu enfado con Núñez Feijóo ante a ocultación do significado dunha pintura tan importante. E lembrou que un pobo que tenta ocultar a súa memoria é un pobo indigno.
Pola súa banda, o parlamentario nacionalista Luís Bará anunciou que o BNG iniciará unha campaña para divulgar a figura de Castelao e cualificou ao presidente autonómico de "ingrato" afirmando que se hai Xunta de Galicia e estatuo é, en parte, grazas a Castelao e a Bóveda.
Bará acusou ao PP de promover "un Castelao morto, censurado como fixo o franquismo"" sinalando que Núñez Feijóo non quere, non sabe ou non ten interese en coñecer as causas que motivaron a obra do autor de 'Galiza Mártir'. Lembrou que Castelao viuse forzado a exiliarse por culpa do franquismo e gran parte da súa obra tivo que realizala no desterro. Por este motivo, anunciou que levarán a debate ao Parlamento de Galicia esta "manipulación" por parte do máximo representante do goberno galego.
RESPOSTA DO PP
Ángel Moldes, portavoz do Partido Popular na Deputación, lamentou que o goberno bipartito do PSOE e BNG na institución provincial converta o Museo nunha plataforma de confrontación política e criticou que ese grao de enfrontamento por parte da presidenta provincial non teña límites.