O PP organiza unha charla-coloquio sobre a repercusión dos lombos nas emerxencias sanitarias
Por Redacción
O Partido Popular de Pontevedra organizou unha charla-coloquio para profundar no debate sobre a instalación de lombos nas vías sanitarias, que dan acceso a centros hospitalarios como o de Montecelo.
Esta charla terá lugar o vindeiro martes 9 de outubro no Café Moderno, a partir das 20:00 horas, e contará coa participación de Mateo Lafragua, membro de Stop Accidentes e premio Cidadán 2018 que outorga a iniciativa Ponle Freno de A3Media, segundo confirmou a agrupación popular.
"A través deste acto, aberto a todas aquelas asociacións, colectivos e veciños que queiran participar, queremos poñer sobre a mesa os efectos prexudiciais que poden supoñer os lombos, sobre todo nos viarios de acceso a hospitais e centros sanitarios", sinalou o portavoz municipal do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez.
Será o propio Domínguez quen exerza de moderador da charla, que terá unha duración aproximada de 90 minutos.
Na mesma está previsto que tamén participen un representante de ASGATE (Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias Sanitarias), un representante de Alcer Galicia (Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril) e unha diplomada universitaria en enfermería.