Carmela Silva, farta "de que se nos ataque polo simple feito de ser mulleres"
Por Diego Espiño
Non tardou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en saír ao paso das polémicas declaracións realizadas polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, acusándoa de ser "chacha para todo" de Abel Caballero.
"As mulleres estamos fartas de machismo, estamos fartas de que se nos ataque polo simple feito de ser mulleres", declarou a presidenta provincial antes de participar este sábado na Festa do Marisco do Grove.
Silva sinalou que "esta fin de semana vouna tomar como unha época de refelexión para analizar que vou facer, que accións vou tomar non no meu nome senón no nome de todas as mulleres".
Para a presidenta provincial "hai moitos homes, moitos representantes públicos, particularmente no Partido Popular, que non soportan ver unha muller empoderada, declarou.
Ademais pediu na súa comparecencia ante os medios de comunicación que tanto o presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, como o presidente provincial dos populares, Alfonso Rueda, "saian hoxe denunciando claramente este tipo de afirmacións e de comportamentos porque eu creo que é obrigado".
Carmela Silva confirmou que anunciará o luns as medidas que tomará desde a administración provincial por mor desta situación.