Un cubano enfróntase a seis anos de cadea por abusos sexuais a unha ex compañeira de traballo en Marín
Por Natalia Puga
O veciño de Marín de nacionalidade cubana L.R.P. sentarase este martes 21 de maio no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra para render contas por un presunto delito de abusos sexuais a unha ex xefa. Teríao cometido no seu propio domicilio aproveitando que a muller estaba a durmir.
Os feitos producíronse sobre as 6.00 horas da madrugada do 7 de maio de 2011, cando o procesado se encontrou na rúa Concepción Arenal de Marín a unha muller á que coñecía por traballar para ela tempo atrás e a invitou a subir á súa vivenda, que estaba nesa mesma rúa.
Segundo relata o fiscal no seu escrito de acusación, ambos os dous remitíronse ao cuarto do procesado e sentáronse enriba da cama. O home ofreceulle unha copa de ron con Coca Cola e, tras charlar longo anaco, cando xa eran as 8.00 horas da mañá, a muller quedou durmida profundamente.
O procesado aproveitou a circunstancia para, cunha "evidente finalidade de satisfacer o seu apetito sexual", espir a muller de cintura para abaixo e penetrala vaginalmente ata que ela espertou. Cando a suposta vítima se decatou de que tiña o acusado enriba, apartouno dun empuxón sen que el opuxese resistencia, vestiuse rapidamente e marchou da vivenda.
O fiscal considera que estes feitos son constitutivos dun delito de abusos sexuais por que o que pide ao tribunal que condene ao procesado a seis anos de prisión e á prohibición de aproximarse a menos de 100 metros da súa presunta vítima e do seu domicilio e lugar de traballo e de comunicarse con ela durante sete anos. En concepto de danos morais, pide para o acusado que aboe á muller unha indemnización de 10.000 euros.