En Marea e BNG únense ás peticións de dimisión do alcalde de Vilanova
Por Diego Espiño
As polémicas declaracións do alcalde de Vilanova, o popular Gonzalo Durán, sobre a presidenta da Deputación, Carmela Silva, nas que a tachaba como "chacha para todo" de Abel Caballero, xeraron unha repulsa unánime no resto de formacións políticas.
Primeiro foi a agrupación socialista, á que pertence a presidenta provincial, a que pechou filas e mostrou a súa indignación, un sentimento ao que se uniron nas últimas horas os máximos representantes de En Marea e do Bloque Nacionalista Galego, Luís Villares e Ana Pontón.
Para Villares "as palabras do alcalde de Vilanova son inaceptables e son unha mostra do machismo máis rancio que pode haber na política", sinalou sumándose á petición de dimisión do alcalde de Vilanova.
O portavoz de En Marea considera que "non hai lugar para estas actitudes e para este tipo de declaracións", e defende que se Gonzalo Durán non dimite "o PP e o seu presidente, Núñez Feijóo, debe pedir o seu cesamento e retirarlle a súa confianza" para non converterse "en colaborador necesario de práctica machistas", explicou a través dun comunicado.
Pola súa banda a portavoz do BNG, Ana Pontón, elixiu as redes sociais para posicionarse respecto diso declarando estar "farta de tanto machismo" e sinalando que "ningún home ten dereito falar así dunha muller, que o faga un alcalde é indecente".
Fartas de tanto machismo. NIngún home ten dereito falar así dunha muller, que o faga un alcalde é indecente A miña solidariedade con @carmelasilva https://t.co/oDdI1sHnKb
— Ana Pontón (@anaponton) 7 de octubre de 2018