As consultas de Pediatría de Moraña e Cuntis trasládanse temporalmente a Caldas de Reis
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, foi informado polo xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Ramón Gómez, de que as consultas da Unidade de Pediatría do centro de saúde de Cuntis pasarán a ser atendidas no centro de saúde de Caldas de Reis.
Tamén o Concello de Moraña vai mudar provisionalmente a atención pediátrica aos rapaces do municipio nos vindeiros quince días, nos que o servizo será realizado entre os médicos de familia do centro de saúde de Santa Lucía e os especialistas do Punto de Atención Continuada (PAC) de Caldas de Reis.
A adopción momentánea deste sistema de consultas infantís débese ao recente concurso de traslados convocado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) a nivel autonómico e que motivou que a doutora titular da praza que comparten os municipios de Moraña e Cuntis -atendendo todos os días media xornada en cada un dos puntos médicos- se desprace de inmediato ata o ambulatorio da Estrada.
Este cambio manterase durante un prazo estimado de quince días.
Segundo trasladaron ao alcalde de Cuntis, o Servizo Galego de Saúde procederá a cubrir a vacante no menor prazo posible, cumprindo cos prazos que normativamente aplícanse a este tipo de circunstancias.
Manuel Campos comprometeuse a que o Concello de Cuntis informará "con exactitude e de maneira inmediata" de calquera cambio respecto diso e poñerá a disposición da cidadanía calquera información da que teña constancia.