A Unión Federal de Policía solicita á subdelegada do Goberno a creación dunha Brigada Móbil
Por Redacción
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, mantiña un encontro na mañá deste martes con representantes da Unión Federal de Policía de Pontevedra (UFP) no que se trataron varias demandas que os integrantes do Corpo Nacional de Policía precisan para a provincia.
Solicitan a creación da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) con base en Pontevedra e cobertura nas comisarías locais de Marín e Vilagarcía de Arousa. A idea é que poida intervir en espectáculos públicos e en actividades de prevención da delincuencia que xorden na provincia.
Ademais, desde a UFP pediuse á subdelegada a creación dunha Brigada Móbil que se encargue de atender a estación de ferrocarril e autobuses en Pontevedra, ademais do aeroporto, porto, estacións de ferrocarril e estación de autobuses de Vigo. Con esta Brigada Móbil levaríase a cabo un control do tránsito de pasaxeiros por un grupo policial especializado.
Tamén trasladaron a súa preocupación pola falta de axentes nos labores de prevención de delitos que se detecta na provincia e pediron a Maica Larriba que apoie a campaña para dotar de medios básicos de primeiros auxilios que permitan axudar a persoas en situación de risco para a súa vida.
A subdelegada indicoulles que no momento en que tome posesión a nova comisaria provincial Estíbaliz Palma manterá unha reunión para tratar a problemática da provincia. Ademais comprometeuse a trasladar todos os temas tratados neste encontro cos representantes da UFP ao delegado de Goberno en Galicia Javier Losada, para que llos comunique ao ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska.
Relacionadas:
-
UFP demanda 200 policías máis para a provincia e pon o foco no ano "complexo" do Xacobeo 2021
Por Redacción |
-
Un borrador da Dirección Xeral da Policía propón que Pontevedra reciba 20 novos axentes este ano
Por Natalia Puga |
-
Estíbaliz Palma, primeira muller comisaria da Policía Nacional en Pontevedra
Por Natalia Puga |