Fiscalía pide seis anos e tres meses de prisión por apropiarse de 280.000 euros dos seguros dos seus clientes
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para os días 21 e 22 de maio o xuízo por apropiación indebida contra J.V.P. que ata o ano 2008 traballou como auxiliar para as empresas Puntos azules e Asegur, participadas ao 100% pola Compañía Axa Gestión de seguros e reaseguros.
Segundo a acusación que formula a Fiscalía, "o seu labor era captar clientes para a compañía, para o que realizaba contratos cos mesmos, quen lle entregaban distintas cantidades de diñeiro, as cales, co propósito de obter un beneficio económico, pasaron a formar parte do seu patrimonio persoal, sen que houbese cursado as solicitudes dos referidos contratos nin entregase á Compañía AXA o diñeiro recibido dos clientes".
Concretamente, o Ministerio Público acúsalle de realizar operacións e cobrar 80.100 euros en nome da aseguradora ás que non reintegresou cantidade algunha. A Compañía AXA emitiu e formalizou posteriormente, co fin de que estes clientes non sufrisen prexuízos, as pólizas solicitadas.
Por outra banda, o acusado traballou asismismo para a Compañía Mapfre e, segundo o Fiscal, repetiu "a mesma conduta narrada respecto de tal entidade" quedándose con 201.800 euros. O acusado reintegrou 3.000 euros a dous clientes "dicíndolles que correspondían ás liquidacións dos investimentos".
A Fiscalía fai constar unha atenuante de "anomalía psíquica", xa que ao tempo da comisión destes feitos narrados, o acusado padecía unha ludopatía, "conservando a capacidade de comprensión, pero con disminución severa da capacidade volitiva".
Segundo o Ministerio Público o acusado é autor dun delito continuado de apropiación indebida, na súa modalidade de administración desleal pola que pide unha pena de seis anos e tres meses de prisión e multa de 25 meses a razón dunha cota diaria de seis euros, con responsabilidade penal subsidiaria en caso de impago.