A Garda Civil intervén 336 pezas de roupa falsificadas na feira de San Breixo de Barro
Por Redacción
A Garda Civil interveu durante a pasada fin de semana unha partida de 336 pezas de roupa deportiva supostamente falsificada, no mercado ambulante da romaría de San Breixo que se celebra en Barro
A incautación foi resultado dun dispositivo especial establecido pola patrulla de seguridade cidadá da compañía de Pontevedra e a patrulla de fiscal e de fronteiras de Vilagarcía de Arousa co obxectivo de fiscalizar e erradicar a venda de pezas e outros produtos falsificados no citado mercadillo.
Os axentes comprobaron que nun dos postos estaban expostas para a venda ao público diferentes pezas deportivas con etiquetas supostamente falsificadas.
Os compoñentes da patrulla fiscal e de fronteiras verificaron que o responsable do posto carecía da correspondente factura de compra da roupa e da preceptiva autorización das marcas rexistradas, de modo que se procedeu á incautación preventiva dun total de 336 pezas, cuxo valor total no mercado pode superar no mercado os 33.000 euros.
A roupa foi entregada ao xulgado de garda de Caldas de Reis, que instrúe a causa por un presunto delito contra a propiedade industrial.