Pontevedra forma parte da rede estatal de Destinos Turísticos Intelixentes
Por Oskar Viéitez & Redacción
A Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo participaron este xoves na reunión presidida pola ministra de Turismo, Reyes Maroto, para constituír a Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes, un proxecto para a modernización tecnolóxica deste sector turístico.
Esta rede estatal funcionará como un órgano operativo a través do que se vai mellorar a experiencia do turismo mediante a innovación e sustentabilidade.
Amais, desde a rede tamén se vai asesorar sobre calidade, solucións tecnolóxicas e capacitación dixital, así como ofertar mellores experiencias para os visitantes e mellorar a calidade de vida das persoas residentes nos destinos turísticos.
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asinou a constitución desta rede, na que este municipio presentouse cun proxecto conxunto co Grove que inclúe accións como unha praia intelixente.
Sanxenxo e O Grove presentaron un proxecto conxunto a unha liña de axudas convocada pola Sociedade Mercantil Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas, (Segittur), para converterse en destinos intelixentes, outorgando prioridade ás novas tecnoloxías e os soportes dixitais.
O obxectivo é ser máis competitivos, ofrecer mellor calidade de vida aos seus residentes e mellorar a experiencia turística dos visitantes. En definitiva, trátase de lograr un uso das novas tecnoloxías que garanta a eficacia do destino.
O orzamento desta actuación ascende a 1.489.996 euros, dos que resultaron subvencionables 893.997, que representa un 60% do proxecto, correndo a cargo de Sanxenxo e O Grove o 40% restante.
En Sanxenxo poñeranse en marcha acciones como unha 'Smart Beach' ou praia intelixente en Silgar. Estará adaptada en canto a equipamento, parámetros ambientais, confort, accesibilidade e posibilidades de interacción co usuario. A comunicación con este sistema será bidireccional, podendo o Concello facer chegar datos sobre a propia praia ou eventos da contorna. O usuario poderá valorar, solicitar servizos e facer suxestións.
Ademais, impulsaranse inciativas como un smart parking e intermodalidade, consiste na implantación dunha solución de parking intelixente, para o aparcadoiro en lugares específicos, poñendo en marcha un proxecto piloto de intermovilidad coche bicicleta.