Os profesionais sanitarios inician a campaña de vacinación antigripal deste ano
Por Redacción
Profesionais do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) comezaban a aplicarse este martes en Montecelo a vacina contra a gripe que promove a Consellería de Sanidade. Forman un dos grupos de risco ao atoparse en contacto con pacientes e poder transmitirlles a enfermidade.
Eles avanzan unha campaña que se iniciará o luns 22 para toda a poboación.
O xerente do CHOP, José Ramón Gómez, indicaba que o obxectivo de comezar a campaña cos profesionais da sanidade é que sirvan de exemplo á poboación para que se anime a vacinarse para diminuír o número de afectados e a gravidade das complicacións que arrastra esta enfermidade.
O obxectivo para a área de Pontevedra é cubrir ao 40% dos profesionais sanitarios e ao 65% dos maiores de 65 anos. En 2017 logrouse un 56% neste sector de poboación.
A campaña antigripal deste ano diríxese a fomentar a vacina entre persoas con risco como os maiores de 60 anos e, especialmente, os que superen os 65 anos; persoas residentes en institucións, mulleres embarazadas, menores con tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico; pacientes con patoloxías e enfermidades crónicas e persoas que poidan transmitir a gripe a cidadáns con alto risco para a súa saúde.