A reforma da rúa Progreso interesa a catorce empresas
Por Redacción
Un total de catorce empresas presentaron a súa oferta ao proceso de licitación aberto para a reforma da rúa Progreso, un proxecto valorado nuns 2,5 millóns de euros.
En concreto, optan a este importante contrato Civis Global, Covsa, San José, Acciona, Copasa, Nexia, Espina y Delfín, Copcisa, Arias Infraestructuras, Ovisa, Orega contrucciones, Coviastec, Marconsa e Hordescon.
Unha vez se reciba toda a documentación das ofertas, procederase á apertura de sobres e á análise das respectivas propostas. O goberno municipal espera que a valoración e elección da empresa adxudicataria non se demore máis aló do prazo dun mes.
A obra executarase en tres fases para reducir as molestias a comerciantes e veciños.
Ata que non se termine a que está en obras, garantiu o goberno municipal, non se iniciarán os traballos na seguinte. En total, a reforma está prevista realizarse en doce meses, pero o Concello confía reducir os prazos a nove meses.
Na primeira fase reformaranse os 470 metros comprendidos entre a rotonda de Arnelas e o cruzamento coa EP-9205, a estrada de Fontoira. Mentres se corta este tramo ao tráfico haberá dous itinerarios alternativos a cada lado da rúa Progreso.
A segunda fase, pola súa banda, actuará sobre os 260 metros desde onde conclúe a primeira ata o cruzamento coa estrada EP-9203, a rúa Sanxenxo, e a rúa Consistorio. Nesta fase vaise traballar a media calzada e, por tanto, mentres duren as obras sempre haberá un dos dous carrís abertos e unha alternativa para o carril cortado.
A obra concluirá coa reforma dos 550 metros que van desde onde acaba a segunda fase ata a confluencia da rúa Progreso coa avenida de Madrid. Haberá dúas alternativas de tráfico, unha por encima da rúa Progreso e outra pola avenida de Madrid e o paseo de Silgar
O proxecto contempla dúas glorietas ou rotondas que permitirán axilizar o tráfico e mellorar a seguridade viaria. A primeira rotonda ten un diámetro de 27 metros e construirase ao comezo da rúa, na confluencia coa avenida de Madrid; mentres que a segunda, cun diámetro de 28 metros, estará no cruzamento con Castelao e a estrada de Nantes.
Outra das melloras será a ampliación das beirarrúas que, como mínimo, pasará a ter un ancho de 1,8 metros. Colocaranse lousas e bordos de granito como a avenida de Madrid. Ademais, haberá zonas axardinadas e espazos mellor ordenados.
Como todo proxecto de humanización, as obras reducirán as prazas de aparcadoiro onde non hai beirarrúa suficiente. En calquera caso, aclaran desde o Concello, contémplanse 76 prazas de aparcadoiro, catro zonas de carga e descarga e tres zonas de aparcadoiros de autobús.
A obra complétase coa colocación de novo mobiliario urbano, a substitución da rede de saneamento e a creación dunha rede separada de pluviais que evitará os problemas de inundación e saturación da vella rede, soterrando ademais parte da rede eléctrica e telefonía.
Relacionadas:
-
O Concello de Sanxenxo atrasa o inicio das obras da rúa Progreso
Por Redacción |
-
COVSA garante que non será necesario cortar os dous carrís na rúa Progreso
Por Redacción |
-
Os comerciantes están preocupados pola desaparición de prazas de aparcadoiro na rúa Progreso
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma da rúa Progreso será por fases para reducir as molestias
Por Redacción |
-
Sanxenxo quere que a rúa Progreso estea reformada antes do próximo verán
Por Redacción |