Un ludópata comprométese ante o xuíz a devolver a prazos 300.000 euros a dúas aseguradoras
Por Oskar Viéitez
O acusado, Jaime V.P., recoñeceu este martes ante a sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra que durante a súa etapa como traballador das compañías aseguradoras Axa e Mapfre e "debido á súa adicción ao xogo" apropiouse indebidamente de máis de trescentos mil euros dos seus clientes.
O fiscal xefe da Audiencia provincial de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, dirixiu a acusación contra este empregado que recoñeceu expresamente que o seu labor era captar clientes para estas compañías, para o que realizaba contratos cos mesmos, quen lle entregaban distintas cantidades de diñeiro, as cales, co propósito de obter un beneficio económico, pasaron a formar parte do seu patrimonio persoal, sen que cursar as solicitudes dos referidos contratos nin entregase ás aseguradoras o diñeiro recibido dos clientes.
En concreto o acusado apropiouse de 72.400 euros de clientes de AXA e 231.319 de Mapfre, aínda que finalmente son estas empresas as prexudicadas xa que emitiron e formalizaron as polizas solicitadas co fin de que estes clientes non sufrisen prexuízos.
O acusado mostrou a súa vontade de resarcir ás aseguradoras de todo o dano causado e presentouse ante a sala con cinco mil euros en efectivo para facer unha primeira entrega.
Neste sentido a Fiscalía ao elevar a definitivas as súas conclusións, tivo en conta o recoñecemento dos feitos e a existencia dunha atenauante de ludopatía, polo que pediu que o tribunal que á hora de dictar sentencia contemple a suspensión da pena por un período de cinco anos vinculada a un plan de pago, a razón de 250 euros ao mes, máis o desembolso inmediato dos cinco mil euros hoxe aportados.
O acusado padecía unha ludopatía, "conservando a capacidade de comprensión, pero con disminución severa da capacidade volitiva"
A Fiscalía, que pediu unha pena de seis anos e tres meses de prisión, fixo constar esta atenuante de "anomalía psíquica", xa que ao tempo da comisión destes feitos narrados, o acusado padecía unha ludopatía, "conservando a capacidade de comprensión, pero con disminución severa da capacidade volitiva".
Pola súa banda, o avogado que representa á Compañía AXA pediu unha pena de tres anos de prisión mentres que a letrada que defende os intereses de Mapfre elevou a petición de condena aos seis anos de cadea xa que puxo en dúbida que a ludopatía estivese acreditada durante os anos nos que se cometeron os feitos. Sinalaba a avogada que os informes periciales son posteriores.
Finalmente o avogado da defensa recordou que o seu representado recoñeceu todos os feitos menos a acusación formulada pola compañía Mapfre de falsedade documental xa que o acusado negou que houbese falsificado contrato algún para facer todo este tipo de xestións.
O xuízo quedou visto para sentenza.