Ponte Caldelas volve solicitar unha entrevista coa conselleira de Política Social pola Casa da Quintán
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, volveu remitir unha carta á nova conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, para solicitarlle unha entrevista na que abordar a situación da Casa da Quintán, o edificio reformado pola Xunta hai case 10 anos para usos sociais, cun investimento público de medio millón de euros e que, dende entón, permanece pechado.
A primeira carta, enviada o pasado 29 de setembro, só un día despois da toma de posesión da conselleira foi respondida positivamente por Fabiola García, quen concertou unha xuntanza conxunta co director xeral de Maiores, Ildefonso de la Campa, e o secretario xeral técnico da consellería, Francisco Javier Abad.
A xuntanza, que debía celebrarse este mércores, foi suspendida polos dous responsables da consellería alegando que o asunto non presentaba novidades e que o futuro da Casa da Quintán debe dilucidarse directamente coa conselleira.
O goberno local de Ponte Caldelas considera que, aínda que é "pouco serio" suspender unha xuntanza oficial nestes termos, prefire non entrar en máis valoracións e optou por solicitar unha nova xuntanza coa conselleira.
O alcalde, Andrés Díaz, remitiu, por tanto, unha nova petición de xuntanza coa conselleira recalcando que, cando menos, "hai que agradecerlle a Fabiola García a amabilidade de ter contestado, cousa que non fixo o seu antecesor, José Manuel Rey Varela, que en tres anos non quixo sentar a falar desta cuestión, a pesar de que se lle solicitou reiteradamente".
Relacionadas:
-
Descartan o centro interxeracional que Ponte Caldelas pedía para a Casa da Quintán
Por Redacción |
-
Política Social propón reabrir a Casa da Quintán como centro de menores tutelado
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas impulsa emendas ao proxecto de orzamentos da Xunta
Por Redacción |
-
O alcalde de Ponte Caldelas quere falar coa Xunta da Casa da Quintán
Por Redacción |
-
O Concello e a Fundación Sálvora unen esforzos para pedir á Xunta a apertura da Casa da Quintán
Por Redacción |
-
Avanza a negociación para a apertura da Casa da Quintán
Por Noelia Torres Pintos |