Sanidade anima os cidadáns a contaxiar a súa enerxía "e non a gripe"
Por Redacción
Ata o próximo 28 de decembro estará activa a campaña de vacinación contra a gripe en Pontevedra. Sanidade comeza este luns a protexer os grupos de risco contra este virus, a través dos 250 puntos de vacinación repartidos por toda a provincia.
Estarán repartidos en centros de saúde e consultorios, centros hospitalarios públicos, hospitais e consultas médicas privadas, residencias e centros para a terceira idade, unidades asistenciais de drogodependencias, centros penitenciarios e centros de atención a discapacitados.
A campaña, para a que se adquiriron 608.000 doses, está destinada a persoas maiores de 60 anos, as que estean entre os 6 e os 59 anos que teñan algunha patoloxía crónica, mulleres embarazadas, residentes en institucións pechadas, traballadores sanitarios ou persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade.
Unha das novidades da campaña deste ano é a utilización da vacina antigripal tetravalente, que se vai empregar en dous grupos de poboación: nas mulleres embarazadas e nos menores de 15 anos que presenten algunha condición de risco.
Ademais desta vacina tetravalente, empréganse outros dous tipos de vacina. Unha delas é a vacina convencional, que é unha antigripal inactivada de antíxenos de superficie e que pode ser utilizada a partir dos 5 anos de idade.
A outra das vacinas empregadas é a de antíxenos de superficie inactivados con adxuvante indicada para as persoas de 75 ou máis anos e para as ingresadas en residencias de 65 ou máis anos xa que esta vacina ten unha maior inmunoxenicidade, para os que xera unha resposta inmune máis potente neste grupo de persoas cun maior risco de complicacións.
Os obxectivos específicos son acadar unha cobertura na poboación de 60 a 64 anos igual ou superior ao 35%, conseguir unha cobertura na poboación de 65 ou máis anos igual ou superior ao 65% e acadar unha cobertura superior ao 40% nos traballadores sanitarios do Servizo Galego de Saúde e nas mulleres embarazadas.
Na área de xestión integrada -EOXI- de Pontevedra-O Salnés administráronse na pasada campaña de 2017 un total de 53.529 doses. Delas, 37.505 correspondéronse con maiores de 65 anos, nos que se acadou unha cobertura do 56%.
Relacionadas:
-
Este luns 14 comeza a campaña de vacinación contra a gripe, que este outono chegará antes
Por Anxo Lourido |
-
Unhas 50.000 persoas xa se vacinaron contra a gripe nesta área sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
CIG-Saúde denuncia esperas de máis de 24 horas en Urxencias por unha cama, que a Xerencia desminte
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Alerta para os pacientes de gripe: Urxencias hospitalarias debe ser o último recurso
Por Anxo Lourido |
-
Os profesionais sanitarios inician a campaña de vacinación antigripal deste ano
Por Redacción |