O persoal de Correos anuncia tres días de folga ante a precariedade que está a sufrir o servizo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Ante a falta de acordo co goberno de Pedro Sánchez, os sindicatos que representan a un 85% do persoal de Correos, CC. OO, UXT, CSIF e o Sindicato Libre, convocaron tres folgas xerais no servizo de Goberno en toda España previsto para o 30 de novembro, coincidindo co Black Friday, o 21 e o 26 de decembro.
Ademais, o persoal está convocado para concentrarse ante a Dirección Territorial zona 1 en Santiago de Compostela o próximo 9 de novembro ás 13.30 horas. Nesa xornada levarán a cabo paros de tres horas ao remate da xornada nocturna, á da mañá e no inicio da quenda de tarde.
Eusebio Cousillas, representante de Comisións Obreiras, indicaba que nos últimos anos perdéronse 10 postos de traballo nas oficinas de Vigo, 1 en Ponte Caldelas e realízase unha mala planificación da contratación eventual durante todo o ano, que termina provocando sobrecarga de traballo para todo o persoal da empresa pública. Este deterioro da situación laboral provoca atrasos na entrega de cartas, paquetes e notificacións en practicamente a totalidade da provincia, segundo afirman os representantes sindicais.
José Corbacho, de UXT, indicaba que as principais reivindicacións céntranse nunha nova negociación do convenio colectivo, no financiamento por parte do goberno do servizo postal universal, xa que actualmente a débeda de Correos ascende a 230 millóns de euros, e refercute en emprego, salarios e condicións laborais. Por último, piden a elaboración dun plan estratéxico plurianual que fomente a actividade de paquetería, que é o sector no que están a se incrementar os envíos postais.
Sinalan que ten diminuido de maneira cuantitiva o número de traballadores administrativos e afirman que de 931 traballadores fixos que había en 2011 na provincia de Pontevedra pasouse a 745 a finais de 2017, un descenso de 186 empregados. A esta cifra hai que sumar 245 eventuais que están a traballar actualmente. Na comarca de Pontevedra atópanse actualmente operativos ao redor de 125 traballadores.