A 'Emoción dos viños' aterra no Pazo da Crega en Barro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Esta fin de semana, 27 e 28 de outubro, o Pazo da Crega de Barro acollerá a VIII edición de 'A Emoción dos viños', un evento de cata de caldos ao que se espera a asistencia de ao redor de 400 persoas, aforo das instalacións.
Marina Cruces e Antonio Portela, organizadores desta cita vitivinícola, presentaban acompañados pola deputada Eva Vilaverde e polo alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, a primeira edición que se celebra en este municipio.
Abraldes espera que moitos dos asistentes pernoiten na comarca e se amosaba satisfeito pola presenza de dúas adegas do municipio neste evento dentro da lista de 70 que acudirán a esta cita. A deputada Eva Vilaverde afirmou que desde a Estación Fitopatolóxica do Areeiro se colabora con este sector que conforma un nicho importante da economía na provincia.
Marina Cruces sinalou que a idea deste acontecemento é dar visibilidade ao patrimonio vitivinícola. Desta forma, o sábado 27 o horario será partido, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas mentres que o domingo desenvolverase unha xornada continuada desde as 11.00 ata as 15.00 horas. Os interesados poderán inscribirse a través do correo electrónico: emociondosvinhos@gmail.com
O prezo da entrada é de 15 euros para o sábado, 10 para o domingo e 20 para as dúas xornadas. Os asistentes recibirán unha copa serigrafada coa que poderán degustar todos os viños e asistir ás explicacións dos distintos adegueiros. Tamén se instalará unha tenda de viños para todas aquelas persoas interesadas en adquirir algunha botella.