Combarro 'actívase' este sábado con deporte, cultura, patrimonio e solidariedade
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio presentou a cuarta edición da iniciativa Activa Combarro, que se desenvolverá durante este sábado 27 de outubro nesta histórica vila.
Este programa de actividades gratuítas naceu hai catro anos para celebrar a apertura da Oficina da Área de Rehabilitación Integral de Combarro coa idea de implicar a todo o tecido asociativo e deportivo da localidade para festexar unha iniciativa destinada a poñer en valor un dos principais atractivos do municipio.
A idea segue estando vixente e xunto ao patrimonio, o programa aúna deporte, cultura e solidariedade, segundo destacou a concelleira Marga Caldas.
Así, desenvolveranse as rutas "Patrimoniándonos en Combarro" da man de Xurxo Souto (a partir das 11 horas) e Tamara Andrés (dirixida a un público infantil ás 17.45 horas) que farán un percorrido pola vila con inicio na Praza da Chousa e remate na da Rualeira.
Ás 12.30 e ás 16.30 horas o protagonista será o patrimonio marítimo co "Combarro vila mariñeira" coa colaboración do Clube Mariño A Reiboa que exhibirá algunha das súas embarcacións na praia do Padrón.
Haberá sesión vermú á unha da tarde na praza da Rualeira a cargo do grupo Soul Breakers.
Pola tarde, con saída ás 17 horas, disputarase a carreira popular infantil e unha hora máis tarde sairá a categoría absoluta nun percorrido de 4,5 quilómetros. A inscrición é gratuíta, tan só pídese a doazón dun quilo de alimentos para os servizos sociais de Poio. (inscricións na web www.championchipnorte.com).
Pero ademais, como novidade, haberá actividades e talleres durante toda a xornada a cargo da Oficina do Ari e a empresa Xeométrica que mostrarán unha singular visión en tecnoloxía 3D sobre Combarro, os seus edificios e as súas palleiras.