Os arquitectos premian a reforma dunha vivenda e un salón de peitados en Pontevedra
Por Redacción
Dous proxectos executados na cidade de Pontevedra veñen de ser premiados no certame Gran de Area 2018, convocado polo Colexio de Arquitectos de Galicia para recoñecer obras e actuacións de calidade feitas por arquitectos, promotores, aparelladores ou construtores nas demarcacións de Pontevedra, Vigo e Ourense.
En concreto, os arquitectos galegos recoñeceron os traballos de reforma dunha vivenda particular, realizada por María Gracia Amandi Joglar e Jorge Uña; e o acondicionamento dun salón de peitados, que impulsaron Ana Monteagudo García e Wenceslao López Velasco.
O resto dos premiados son dez proxectos nas localidades de Vigo, Baiona, Nigrán, A Estrada, Valga, Pereiro de Aguiar e Ourense.
A esta convocatoria presentáranse 56 proxectos das provincias de Pontevedra e Ourense, todos eles de moi diversas escalas e localizacións, que denotan os diferentes e variados ámbitos nos que traballan os arquitectos, desde o paisaxismo á obra nova, pasando polo interiorismo ou a restauración de monumentos.
O xurado valorou a totalidade dos proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio.
Este certame demostra, segundo o Colexio de Arquitectos de Galicia, que a arquitectura é "posible e próxima", e que os axentes recoñecidos nas obras, desde a súa responsabilidade e a escala da intervención, poden procurar que a contorna sexa mellor e unha expresión da cultura arquitectónica e os valores colectivos desta sociedade e deste tempo.