Dous gardas civís rescatan unha muller sacándoa do río 'á cadeira da raíña'
Por Natalia Puga
A intervención dun veciño que paseaba pola Ruta da Pedra e da Auga de Ribadumia e de dous axentes do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil que patrullaban pola zona permitiu este luns rescatar unha muller que caeu á auga mentres percorría o famoso sendeiro, sufrindo lesións nun xeonllo e unha cadeira que dificultaban a súa mobilidade.
Todo ocorreu sobre as 17.00 horas da tarde. Unha veciña de Barrantes de 65 anos camiñaba por un paso empedrado que hai sobre o río no tramo desta ruta que vai entre Barrantes e a rotonda de Armenteira cando escorregou e caeu á auga.
Froito do impacto, a muller sufriu unha lesións nun xeonllo e na cadeira e non conseguía saír da auga. Un veciño que tamén percorría esta ruta tan concorrida e coñecíaa avisou rapidamente ao seu veciño e tamén a unha patrulla do Seprona que percorría a contorna, alertando que unha muller necesitaba auxilio urxente.
O lugar no que caeu a muller non tiña gran cantidade de auga, senón que apenas cubría ata o xeonllo, de modo que non había risco de afogamento, pero a afectada sufriu unha mala caída e magoouse, de modo que tiña dificultades para moverse e non podía subir polo seu propio pé ao camiño.
Os axentes baixaron á auga e sentárona na coñecida como 'cadeira da raíña' entrelazando as súas mans e brazos para permitir o seu transporte. Cando a sacaron da auga, inmobilizárona. Ademais das lesións, presentaba síntomas de hipotermia leve.
Xa chegara ao lugar do accidente o seu marido e, dado que a muller tiña fortes dores e non aguantaba ata a chegada dunha ambulancia, o home subiuna ao seu coche e trasladouna ao Hospital do Salnés.