O Colexio de Médicos de Pontevedra acolle as V Xornadas sobre Deontoloxía e Ética Médica
Por Redacción
Este próximo sábado 27 de outubro celebrarase nas instalacións do Colexio de Médicos de Pontevedra as quintas xornadas galegas de Deontoloxía e Ética Médica. O evento está presidido polo doutor Diego Murillo Solís e asisitirán os presidentes dos catro colexios galegos de médicos e das comisións de ética médica e deontoloxía.
A xornada vai iniciarse cun acto a cargo do presidente do colexio pontevedrés, Luís Campos Villarino, e da comisión deontolóxica, o propio Diego Murillo. A continuación ofrecerase unha conferencia inaugural sobre a autonomía e idiosincrasia do paciente galego ofrecida polo doutor Luís Ferrer Balsebre, xefe do servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalaria da Coruña, que continuará cun coloquio moderado polo presidente da comisión de deontoloxía de Ourense, o doutor Alberto Fidalgo.
Tras unha pausa, as sesións retomaranse cunha mesa redonda sobre que significa uns bos coidados ao final da vida con análise do papel dos médicos de hospital, atención primaria e enfermería. Tamén se desenvolverá un taller práctico sobre a relación do médico coa xustiza, e as súas implicacións deontolóxicas, moderado polo doutor Diego Murillo Solís; e un relatorio a cargo do doutor Mariano Casado Blanco.
Ao longo da tarde se realizarán as xuntanzas das comisións deontolóxicas e éticas de Galicia para finalizar estas sesións.