Alerta para os pacientes de gripe: Urxencias hospitalarias debe ser o último recurso
Por Anxo Lourido
Os responsables de distintos departamentos do Complexo Hospitalario de Pontevedra - O Salnés, encabezados polo xerente José Ramón Gómez, presentaban este venres o Plan de Continxencia que se aplicará nos vindeiros meses para tentar reducir o impacto do aumento de pacientes que acoden con motivo de afeccións gripais.
O xefe de servizo de Medicina Interna, Juan Carlos Rodríguez, facía fincapé na importancia de vacinarse, sobre todo nos casos de profesionais sanitarios, grupos de risco, maiores de 65 anos e menores que compartan domicilio con eles.
Todos os responsables alertaron da importancia de utilizar, ante a presenza dos síntomas de gripe, os Centros de Saúde e os Puntos de Atención Continuada como primeiro recurso. Desta forma, sinala Manuel Vázquez Lima, coordinador de Urxencias do Salnés, redúcese a presenza de pacientes sen síntomas de gravidade nos servizos de Urxencias dos Hospitais evitando a saturación destes espazos.
Neste sentido, tanto o xerente como a directora de Recursos Asistenciais, Sonia Fernández- Arruty, sinalaron que se reforzarán todos os servizos atendendo ás necesidades. O protocolo de actuación establece un tempo máximo de media de atención por paciente de catro horas. Os responsables sanitarios recoñecen que haberá pacientes que deberán esperar en padiolas nos corredores para que os profesionais médicos avalíen a súa evolución antes de ser derivados a planta, onde os médicos estarán coordinados para desenvolver as visitas aos ingresados e acelerar o proceso de xestión das altas canto antes e subir aos pacientes de Urxencias. "Contamos con que haberá atrasos pero non se deixará de atender. Haberá atrasos pero non colapsos", aclaraba Fernández- Arruty.
Entre as medidas que se desenvolverán en Urxencias hospitalarias está previsto establecer diferentes circuítos de asistencia. Aqueles pacientes que ingresen con febre se lles darán máscaras para evitar contaxio intrahospitalario, apuntaba o coordinador de Urxencias en Montecelo, Javier García, que trasladaba a mensaxe de que Urxencias debe de converterse no último recurso do paciente.
A gripe afecta a 750.000 persoas anualmente en España, o virus provoca 2.000 mortes directas e supera as 10.000 indirectas. Por este motivo, os profesionais recomendan a vacinación como método para evitar as consecuencias desta enfermidade.
Relacionadas:
-
O sindicato de Enfermería Satse Galicia reclama máis profesionais e medios para atender os casos de gripe en Urxencias
Por Redacción |
-
Aumentan os casos de gripe en Urxencias, pero só hai cinco pacientes hospitalizados en Montecelo
Por Redacción |
-
Unhas 50.000 persoas xa se vacinaron contra a gripe nesta área sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
CIG-Saúde denuncia esperas de máis de 24 horas en Urxencias por unha cama, que a Xerencia desminte
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Sanidade anima os cidadáns a contaxiar a súa enerxía "e non a gripe"
Por Redacción |
-
Os profesionais sanitarios inician a campaña de vacinación antigripal deste ano
Por Redacción |
-
Piden medidas inmediatas ante a "masificación" do servizo de Urxencias de Montecelo
Por Redacción |