O porto deportivo de Combarro foi a dársena pontevedresa con máis chegadas neste verán
Por Redacción
Os portos de titularidade autonómica das Rías Baixas recibiron 5.667 barcos en tránsito durante o pasado verán, segundo datos facilitados polos propios xestores das instalacións náutico recreativas.
Así o sinalou este venres o presidente do ente público responsable da xestión destas infraestruturas, Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha rolda de prensa nas oficinas portuarias de Pontevedra.
O porto deportivo de Combarro rexistrou o maior número de embarcacións destas características, con 789 tránsitos; seguido de Nauta Sanxenxo, con 568. A nivel autonómico, Galicia recibiu durante a pasada tempada estival un total de 7.596 barcos en tránsito.
Deste xeito, a provincia de Pontevedra confirma a consolidación desta actividade portuaria no conxunto da comunidade, que experimentara xa nos pasados anos un importante ascenso e que está a manter os bos resultados.
Neste sentido, o conxunto dos peiraos autonómicos de Galicia experimentaron no primeiro semestre do ano unha suba dun 4,4% interanual.