Eduardo Pondal recupera os tres carrís de circulación
Por Redacción
A empresa adxudicataria realizou na noite deste venres o pintado da sinalización horizontal das rúas Eduardo Pondal e Uxío Novoneira. Como estaba previsto dentro das obras de mellora da rúa Virxe do Camiño, o pintado será para destinar a servizos as prazas de estacionamento de ambas rúas.
Na rúa Uxío Novoneira está previsto cambiar o estacionamento de toda a rúa. Seguindo a dirección do tráfico, pintarase na parte baixa, á man dereita, unha reserva de estacionamento para o Hotel Virxe do Camiño; no medio unha zona de carga e descarga, e na parte alta da rúa, á man esquerda, algunha praza de estacionamento para persoas con discapacidade, tal e como se solicitou por parte dos comerciantes.
A rúa Eduardo Pondal, a partir deste sábado recupera seus tres carrís habituais, unha vez que se pintou o estacionamento á man esquerda -en dirección de entrada á cidade-, pasando a ser todas as prazas de servizos.
Tanto Uxío Novoneira como Eduardo Pondal son dúas rúas con moitos locais comerciais e non dispoñen de espazos para poder facer unha xestión ou un servizo de 15 minutos, sinalan desde o goberno municipal, que destaca que o estacionamento de servizos está sendo reclamado, cada vez máis, por comerciantes de toda a cidade, especialmente, polos dos barrios.