Lores reitera a súa intención de presentarse á reelección en 2015: "Estou con máis ímpetu que nunca"
Por Alejandro Espiño
Desvelou as súas intencións nunha entrevista concedida a PontevedraViva o pasado 21 de xaneiro, pero chegado ao ecuador do seu mandato, Miguel Fernández Lores reafírmase. Optará a un novo mandato nas próximas eleccións municipais. "Política e persoalmente, estou con máis ímpetu que nunca", explica. Recoñece que a situación social e económica é "dramática" e por iso di "é cando máis hai que estar aí e non abandonar".
"Eu estou moi a gusto, síntome avalado e estou disposto a seguir traballando por Pontevedra", asegura un alcalde que destaca que "nunca me sentín tan seguro porque síntome apoiado por todo o grupo municipal e por moitísima xente que valora positivamente o noso traballo ao longo de todos estes anos". Por iso é polo que reafirme que está disposto "a cumprir co meu compromiso e botar unha man en todo ou posible".
Destaca Fernández Lores que este cuarto mandato está sendo "complicado", marcado por unha crise económica "grave" e de urxencia social. "Está sendo igual de intenso que o primeiro en canto a toma de decisións importantes", explica. Entón relativas á posta en marcha do seu modelo urbano e agora, máis centrados nunha situación económica e social "que nos fai estar ao 120 por cento".
Asegura o alcalde que este está sendo o mandato do recoñecemento internacional dun "modelo de vangarda feito para as persoas"
Segundo o alcalde de Pontevedra, nestes dous primeiros anos de mandato están traballando "coa seguridade de que estamos respostando a unha situación crítica a nivel social, que ven dada por decisións alleas ás políticas municipais". Entre elas citou a modificación da Constitución para incluír o teito de gasto, a lei de estabilidade, os recortes sociais e a redución de servizos públicos.
"Xa nada é igual que antes", recordou. Por iso explica que o seu obxectivo é tomar decisións "para garantir a saúde concello e manter os servizos a atención ás persoas máis necesitadas". Neste sentido, destacou o traballo dun equipo "capacitado, serio e consistente" e do que sinalou "está preparado para darlle resposta ás necesidades da xente", especialmente, a aquelas familias "que están nunha situación límite".
E tamén houbo reflexión sobre o modelo de cidade. Asegura o alcalde que este está sendo o mandato do recoñecemento internacional dun "modelo de vangarda feito para as persoas" e sinalou que a boa percepción "de gran parte" dos cidadáns "nos da ánimos para continuar na liña iniciada hai 14 anos de posta en valor do noso".
En todo caso, o que quixo transmitir á cidadanía é que "imos estar aí, temos forza para seguir defendendo os intereses da cidade e non imos a fallar aos cidadáns". E é que está convencido de que o modelo desenvolvido en Pontevedra "sitúanos mellor para resistir estes envites" e tamén de cara ao futuro. "A situación é crítica, pero eu son un home optimista e tarde ou cedo imos saír desta situación".
CRITICAS A UNHA OPOSICION "DIVIDIDA"
"Jacobo Moreira é capaz de inmolarse en defensa das posicións do Partido Popular dunha maneira incrible", di Fernández Lores
Con respecto aos seus socios de goberno, Miguel Fernández Lores limitouse a dicir que o pacto co PSdeG-PSOE "dentro das súas limitacións funciona ben". Aínda que recoñece que hai "diferenzas coñecidas" de tipo político, destacou que "cada un ten as súas responsabilidades e imos a cumprir cos nosos compromisos para este mandato".
Palabras diferentes tivo para a oposición. Deles, o alcalde de Pontevedra sinalou que "é obvio que se limitan a actuar como apagalumes das políticas do PP e defenden máis os seus intereses partidistas que os dos pontevedreses". Lamentou ademais que estean "absolutamente divididos", algo insólito, dixo, para un primeiro ano de mandato. "Iso non é bo para Pontevedra", dixo.
E máis duro foi co seu portavoz, Jacobo Moreira, do que criticou que "non teña como principal obxectivo defender a cidade contra políticas que nos fan moito dano". Del, destacou Fernández Lores que "é capaz de inmolarse en defensa das posicións do Partido Popular dunha maneira incrible". E todo iso, afirmou, "malia que non ten o respaldo unánime ou maioritario do seu grupo municipal e da propia base social".