Maica Larriba coñece o novo alumeado eficiente que financiou o Goberno en Cuntis
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, acudiu este sábado á parroquia cuntiense de Ferreiros, en Arcos de Furcos, xunto ao seu alcalde, Manuel Campos, para coñecer o proxecto de substitución das luminarias do rural por outras de maior eficiencia enerxética.
Este proxecto, que conta coa financiación do Ministerio de Industria, permitirá a substitución de 1.310 luminarias do alumeado público en todas as parroquias do rural de Cuntis.
En total, a iniciativa conta cunha subvención de máis de 452.000 euros que suporá a remodelación do servicio de alumeado público por lámpadas eficientes de baixo consumo, cun aforro estimado do 66,8 por cento do custe actual da factura da luz para o concello. Ademais garante unha mellor iluminación nos núcleos rurais e cumpre cos compromisos de redución do CO2 fixados polo Goberno.
No acto, no que estiveron presentes persoal da empresa que acomete os traballos de renovación das instalacións, houbo tamén unha ampla representación da veciñanza de Ferreiros que agradeceron ao alcalde e a subdelegada do Goberno a súa presenza na parroquia e, sobre todo, que sexa a primeira que conte con este moderno sistema de iluminación pública.
Pola súa banda, Maica Larriba mostrou a súa satisfacción por un alcalde e un concello que "traballa para mellorar a vida dos seus conveciños con políticas tan importantes como é a eficiencia enerxética das súas instalacións e que ademais vai garantir un aforro moi importante da factura da luz que poderá ser destinada a outras inversións e necesidades da poboación".
Pola súa banda, o alcalde Manuel Campos, agradeceu a presenza da subdelegada "por achegarse a unha das parroquias máis pequenas de Cuntis para comprobar como se está a investir os diñeiros do Goberno cun proxecto que vai mellorar a vida de todos os veciños e veciñas".
Campos destacou que despois de inversións en saneamento, en accesibilidade das parroquias e tras este proxecto de mellora da iluminación "imos poñer en marcha outro de sinalización de todos os núcleos de poboación diseminados polo concello".
Relacionadas:
-
Cuntis renova as luminarias na rúa do Convento
Por Oskar Viéitez |
-
Instalacións Eléctricas Terca renovará o alumeado público no rural de Cuntis
Por Oskar Viéitez |
-
Cuntis cambiará por LED toda a iluminación do campo das Canteiras
Por Redacción |
-
Cuntis renovará o alumeado público no rural
Por Redacción |
-
Cuntis renovará toda a iluminación pública do rural
Por Redacción |