Cerdedo-Cotobade investirá 300.000 euros para modernizar o local da Banda de Tenorio
Por Redacción
Unha ambiciosa modernización integral. Así describe o goberno municipal de Cerdedo-Cotobade o proxecto de rehabilitación do local de Banda de Tenorio que, nos dous próximos anos, recibirá un investimento de 300.000 euros.
Tras superar diversos atrancos, como a consecución da cesión do local por parte da comunidade de montes de Tenorio ao Concello, o executivo acaba de sacar a licitación a primeira fase desta obra, orzada en 160.000 euros.
O presidente municipal, Jorge Cubela, concretou que a folla de ruta desta actuación pasa por contratar e acometer, entre finais de ano e o primeiro semestre de 2019, a primeira fase da reforma do local.
O inmoble contará cunha ampliación de superficie e un maior aproveitamento de espazos e tamén cunha importante mellora estética do inmoble, xa que disporá de grandes cristaleiras e lucirá con materiais nobres como a madeira.
Tamén de xeito paralelo se realizarán as melloras recollidas no prego, cifradas en 20.000 euros, e que son a dotación de trasdosado de pedra na fachada e de voadizos en chapa de aluminio, a renovación das fiestras e das portas exteriores, a colocación dun rótulo iluminado con letras en aceiro inoxidable, focos de iluminación verticais e o pintado do salón de actos.
A mellora deste local da Banda de Tenorio completarase o vindeiro ano cunha segunda fase, estimada en 120.000 euros, que quedará recollida nos próximos orzamentos municipais.