A Brilat despide os máis de 800 militares que iniciarán misións en Líbano e Mali a partir de novembro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A partir do 13 de novembro, integrantes da Brigada Multinacional Libre Hidalgo, baixo o mando do Xeral Xefe da Brilat, Antonio Romero, comezarán a desprazarse ao Líbano e a Mali.
Alí, despois de tres anos sen actividade desta relevancia internacional, desenvolverán dúas misións en cumprimento dunha resolución do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Este martes, a base cuartel de Figueirido acollía o acto de despedida para os máis de 800 militares españois que participarán nestas misións durante un período de seis meses.
600 viaxarán ao Líbano. Alí, segundo indicaba o xeneral xefe Antonio Romero realizarán un traballo de vixilancia da fronteira e de apoio ás Forzas Armadas Libanesas no seu despregamento nese sector, ademais de colaborar coa poboación civil. Trátase dunha zona que neste momento non resulta perigosa, segundo explicou, porque a situación se atopa "tranquila" na zona aínda que alerta de que en calquera momento "podería romper".
A Mali desprazaranse máis de 200 militares para formar ao exército deste país. Romero indicaba que tamén nesta misión é pouco probable que se produzan situacións de violencia e o maior perigo destas misións poderíase producir por "algún accidente de tráfico" debido á climatoloxía e ás numerosas horas que terán que realizar os integrantes do continxente patrullando.
O xeneral xefe da Brilat estará á fronte dunha brigada multinacional formada por continxentes que proceden da India, Nepal, Indonesia, Serbia, O Salvador, Brasil e China, ademais dos militares españois. En total, o número de efectivos ascende a 3.500.
"É un fito importante. Estar á fronte da Brilat é sempre unha responsabilidade enorme", apuntaba Antonio Romero, que lembrou que a Brigada 'Galicia' participara anteriormente noutras misións nestes dous países. No Líbano enviouse un continxente nos anos 2007 e 2009 e a Mali no ano 2014.
Durante o acto no que participaron compoñentes do exército brasileiro, o xeneral xefe quixo enviar unha mensaxe de tranquilidade ás familias dos integrantes das tropas que se desprazarán nestas misións.
"A protección dos nosos home e mulleres é prioritaria dentro do cumprimento da nosa misión. Tanto os procedementos empregados como a calidade dos nosos materiais e vehículos garanten unha protección efectiva de todos os compoñentes", afirmou, engadindo que tentarán minimizar ao máximo o risco. Ademais fixo un chamamento para que os soldados desprendan "ilusión e compromiso, moi por encima da mera profesionalidade".
O acto militar, que se viu embazado pola choiva e as baixas temperaturas que se rexistraban na base de Figueirido, estivo presidido polo xefe da división "Castillejos", xeneral de División, Fernando García González-Valerio e contou coa presenza da subdelegada do Goberno, Maica Larriba.
Relacionadas:
-
Ataque terrorista no centro de adestramento de Mali onde está despregada a Brilat
Por Natalia Puga |
-
Xornada de celebración na Brilat coas misións en Líbano e Mali no pensamento
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
150 militares da Brilat, co xeneral Antonio Romero, parten á misión internacional en Líbano
Por Redacción |
-
A Brilat empeza o seu despregamento en Líbano
Por Natalia Puga |
-
O Goberno destaca o papel "fundamental" que terá a Brilat no Líbano
Por Redacción |
-
A Brilat, na conta atrás da súa preparación para a misión en Líbano
Por Redacción |
-
A Brilat ultima en Zaragoza a preparación para a súa inminente misión en Líbano con militares de Brasil e Serbia
Por Redacción |
-
A Brilat conmemora o seu aniversario coa mirada posta nas súas próximas misións de Líbano e Mali
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Brilat empeza a concretar as súas próximas misións: serán Mali e Líbano simultáneas en novembro de 2018
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |