O pleno do consorcio provincial contra incendios aproba un orzamento de 3,7 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
O pleno do consorcio provincial contra incendios celebrado este martes na Deputación de Pontevedra aprobou por unanimidade o orzamento para o próximo ano que ascende a 3.701.183 euros. Deste xeito, para o 2019 dispoñerá de 366.183 euros máis que este ano, o que supón un 11% máis que no 2018.
A presidenta da Deputación e tamén do consorcio, Carmela Silva, mostrou a súa satisfacción por conseguir a unanimidade en todos os puntos que figuraban na orde do día, o que, ao seu xuízo, "demostra que as administracións, aínda que diferentes, temos moita capacidade de acordo e de colaboración para sacar proxectos adiante".
Tanto Silva como o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, destacaron o acordo para incrementar a masa retributiva para o persoal, que ascende ao 2,50% máis para o 2019, así como a aprobación dos recursos para a esperada homoxeneización do persoal, que supón xa para o 2018 un investimento de 236.107,45 euros que se van a asumir con cargo a remanentes de tesourería.
Outra das cuestións aprobadas de maneira unánime foi a adquisición dun novo auto escaleira para a mellor prestación do servizo. Neste campo, o novo vehículo ascende a 900.000 euros e pretende substituír ao actual que non se atopa en boas condicións.
COMARCALIZACIÓN
En declaracións aos xornalistas ao rematar o pleno do consorcio, o director xeral de Emerxencias, Luís Menor, referiuse ao proxecto de comarcalización dos parques de bombeiros municipais de Pontevedra e de Vigo do que non houbo ningún avance.
Respecto diso, o deputado e portavoz do goberno provincial, Carlos López Font, lamentou ao "vergonzoso papelón" de Luís Menor por romper o clima de consenso que houbo na sesión plenaria e apelou directamente ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que "deje de forzar a sus colaboradores a buscar debates estériles con la Deputación de Pontevedra" emprazando á Xunta a que presente por escrito toda a documentación da súa proposta.
Relacionadas:
-
Traballadores do Consorcio de Bombeiros denuncian falta de persoal que o día de Reis obrigou a pechar o parque de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Carmela Silva reelixida por unanimidade presidenta do Consorcio Provincial Contra Incendios
Por Redacción |
-
Os bombeiros dos parques provinciais de Pontevedra cobrarán o mesmo que os do resto de Galicia
Por Oskar Viéitez |
-
Propoñen equiparar o salario dos bombeiros do consorcio provincial aos de Ourense e Lugo
Por Redacción |