Moraña humanizará a praza da igrexa de Cosoirado
Por Redacción
O Concello de Moraña impulsa un proxecto para poñer en valor a praza da igrexa parroquial de Santa María de Cosoirado, que será humanizada e contará cunha senda peonil de lousas de granito. O orzamento desta actuación é de 20.000 euros.
O eixo principal desta obra, que embelecerá e dotará de máis seguridade ao irregular acceso ao templo, céntrase na mellora da pavimentación por medio de tres tipoloxías de materiais segundo cada espazo.
Así, vaise dotar de formigón lavado con xuntas heteroxéneas a unha superficie duns 165 metros cadrados que comprende desde o cruceiro ata a entrada da igrexa e que respectará o afloramento rochoso e a banda de protección dos muros de pedra existentes.
Ademais, vaise pavimentar en xabre compacto un espazo duns 35 metros cadrados correspondente coa contorna máis próxima ao cruceiro e a obra completarase cun sendeiro formado por pezas rectangulares de granito intercaladas co pavimento de formigón que servirán para configurar e marcar o itinerario peonil.
O proxecto tamén contempla a adopción de medidas de protección para os elementos patrimoniais e no mesmo está previsto que se instale unha banda de áridos contida nun bordiño de granito xunto ao cruceiro e unha pequena plantación, tamén no seo dunha pequena estrutura, preto dos muros de pedra.
Finalmente, a actuación nesta zona completarase coa dotación de mobiliario urbano e elementos embelecedores, xa que se instalarán dous novos bancos de madeira e plantaranse especies vexetais na banda verde.
Relacionadas:
-
A praza da igrexa de Cosoirado terá un acceso en pedra
Por Redacción |
-
Moraña inicia as obras para crear unha senda fluvial nos ríos Cornide e Agra
Por Redacción |
-
Moraña ensancha a pista do Outeiro, en Amil, con cargo ao Plan Concellos
Por Oskar Viéitez |
-
Moraña sinalizará enclaves de interese patrimonial e cultural para promocionalos
Por Redacción |