Malestar veciñal pola ocupación da "Casa de Crucita" por parte dunha parella de toxicómanos
Por Oskar Viéitez
Un grupo de veciños de Marín trasladou a PontevedraViva o seu malestar e preocupación polo estado de abandono que presenta a "Casa de Crucita". Unha situación que se viu agravada trala recente ocupación ilegal por parte dunha parella de toxicómanos deste céntrico inmueble.
As dúas casas familiares situadas no número 12 da rúa do Sol de Marín foron doadas "con reserva de usufructo" á Xunta por unha muller que se chamaba María da Cruz Gómez Solla. Cedeunas no ano 1997 co compromiso de que se destinasen a Centro de Menores. As condicións dos inmuebles parecían idóneas polo gran espazo que ocupan situado no centro urbano da localidade.
Entón a Consellería de Familia, Muller e Xuventude converteunas nun centro de acollida de menores desprotexidos ou en situacións de risco, chegando a haber un total de 13 nenos vivindo en Marín. Pero anos despois, no 2006, a Xunta pechouno.
A "Casa de Crucita", como a coñecen os marinenses, quedou baleira excepto o baixo que ocupa a tenda de traxes de noivas e cerimonias, Xobema.
Segundo explican os veciños, desde hai aproximadamente un mes a casa vén sendo ocupada por unha parella de toxicómanos, "ao parecer o varón dedícase á venda de chatarra e ela exerce funcións como gorrilla no aparcamento público do paseo do porto de Marín", anexo á Escola Naval Militar. Con estes moradores vive tamén un can de gran tamaño que pasa as noites durmindo no balcón do primeiro piso da casa.
A indignación dos veciños que viven e pasean tanto por Rúa do Sol como por Rúa do Forno é enorme, dado que habitualmente ven aos dous "okupas" entrar en dita casa por unha porta anexa á tenda de moda Xobema, "estes dous individuos forzaron a porta e puxeron unha cadea e un candado da súa propiedade, polo que só eles teñen acceso ao interior".
Os veciños poden observar como o interior do inmueble atópase cheo de excrementos de can o que provoca un gran foco de infección na zona e como se levaron parte do mobiliario da casa, "posiblemente para empeñalo na venda de chatarra".