"Igual o da crise é demasiado ata para Santa Rita"
Por Oskar Viéitez & Aitana Vidal
- Pois eu voulle pedir traballo para os meus fillos. E ti?
- Eu quero que arregle o da crise.
- Igual o da crise é demasiado ata para Santa Rita
Esta conversa foi recollida entre dúas mulleres devotas na igrexa do convento de Vista Alegre en Vilagarcía ata onde acudiron centos de fieis da avogada das causas imposibles.
Será por iso que un grupo de afectados polas participacións preferentes e as obrigacións subordinadas tamén foron en peregrinación solicitando o seu favor.
Un portavoz da plataforma do Salnés explicou que a idea xurdiu para tratar de que o seu problema non se esqueza. En todo caso, os afectados polas preferentes decidiron non participar na procesión das oito da tarde.
Como eles, desde as seis da mañá, multitude de devotos acudiron ao longo do día ata o templo. Aínda que, segundo informaron, foron menos que en anos anteriores.
As monxas de clausura con motivo da celebración da festividade entregaron as Medallas de Honra de Santa Rita a varios dos alcaldes dos últimos anos en Vilagarcía e a Protección Civil e Policía Local, ademais do servizo de Protocolo do Concello. Os alcaldes que asistiron a esta entrega foron Agustín Pereira, José Recuna, Javier Gago, Enrique León e o actual, Tomás Fole. Mentres que Dolores García e José Luis Rivera Mallo non acudiron ao acto.