O Teatro Principal, sala de proxección dun documental sobre a historia do Casino Mercantil
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Con motivo do 90 aniversario da entidade, o director Pablo Cacheda desenvolveu o documental 'Ser do Mercantil', un traballo elaborado con entrevistas a persoas socias do Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra.
Durante catro días, a principios do verán, levou a cabo o traballo de rodaxe para, a continuación, post-producilo con algunhas imaxes de arquivo achegadas, sobre todo, por integrantes desta sociedade.
Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica; Juan José Esperón e José Amaro, directivos do Mercantil, e Pablo Cacheda presentaban este luns o acto que terá lugar o vindeiro sábado 10 ás 19.00 horas no Teatro Principal de Pontevedra coa estrea desta filmación nunha pantalla de alta definición. O evento contará coa actuación da Coral Polifónica de Pontevedra e a entrada é libre ata completar a capacidade do recinto.
Segundo relataba Cacheda, o documental non está edulcorado e trata tanto os momentos máis frutíferos da historia da sociedade como os momentos máis complicados. Juan José Esperón explicaba que actualmente a Mercantil conta con 800 socios pero que chegou a alcanzar os 4.000.
O obxectivo da actual directiva que preside Ernesto Filgueira é ir reforzando as actividades para chegar ao centenario cun maior número de asociados. Neste sentido, teñen previsto a creación de pistas de pádel nas instalacións de Mourente e organizar un maior número de eventos na sede situada na praza de Curros Enríquez.
Xa pode verse un teaser do documental, que unha vez estreado tamén vai subirse a internet para que todas aquelas persoas interesadas poidan coñecer esta parte da historia de Pontevedra.